#COVID-19 A Deputación e os Rías Baixas Fest deseñan o plan de traballo para “salvar unha marca clave para o futuro cultural e turístico da provincia”

Carmela Silva reuniuse coas direccións dos festivais para organizar un calendario cun plan de medidas “destinadas a salvar o 2020 e a traballar cara ao impulso do sector en 2021”
Publicado por o día 24/04/2020 na sección de Coronavirus,Deputación de Pontevedra

#COVID-19 A Deputación e os Rías Baixas Fest deseñan o plan de traballo para “salvar unha marca clave para o futuro cultural e turístico da provincia”

Deseñar e organizar un plan de traballo conxunto, con datas e accións concretas destinadas a “salvar este ano 2020 e comezar a traballar a medio prazo para reforzar e impulsar os Rías Baixas Fest cara ao 2021 e incluso o 2022”, foi o primeiro obxectivo acordado hoxe na reunión da Deputación de Pontevedra cos festivais de música integrados na marca provincial #RíasBaixasFest.

Neste primeiro encontro coas direccións dos festivais PortAmérica, Revenidas, Atlantic Fest, SonRías Baixas, Sinsal e Vive Nigrán, a presidenta provincial, Carmela Silva, comprometeuse a prestar “o máximo apoio posible da institución provincial, unha vez coñezamos todos os escenarios que se poden abrir para os festivais cando remate o confinamento e se inicie a desescalada”. Por este motivo, a Deputación e as organizacións dos festivais concordaron en iniciar un plan de traballo para deseñar accións concretas, destinadas, “aínda que sexa difícil, a salvar este ano 2020 e a comezar a traballar a medio prazo pensando xa no reforzo e no impulso dos #RíasBaixasFest cara aos anos 2021 e 2022”.

O calendario establecerá medidas e propostas “para reorientar e reinventar neste ano posibles eventos que permitan achegar financiación, aproveitando os novos hábitos e modelos de consumo que se estableceron no confinamento e, con iso, axudar as promotoras a manter as súas estruturas empresariais e os postos de traballo”. Tamén abre a posibilidade de establecer estratexias de promoción xunto ao sector turístico e de instar as administracións a flexibilizar os procedementos para facilitar as achegas ao sector. Trátase de adiantarse e de preparar, para finais de maio, un plan de acción establecido que lles dea solucións tanto a posibles aprazamentos coma a cancelacións, no caso de producirse. “En definitiva, converter a crise nunha oportunidade”.

A presidenta da Deputación tamén lles garantiu ás direccións dos festivais que instará as administracións competentes coma a Xunta de Galicia e ao Estado a asumir un plan e un compromiso específicos para estes eventos, “xa que non podemos permitir que ningún festival desapareza. Falamos dunha marca consolidada que ten impacto máis alá do turístico, con moita influencia no territorio, no emprego e na actividade económica. Sería un drama”. Nese sentido, Silva comprometeuse a traballar xunto ao resto das administracións e, de feito, propoñer, xunto cos concellos nos que se desenvolven os festivais, que se organice unha mesa coas promotoras e coa Deputación para “sumar sinerxías e establecer un modelo de actuación”.

A presidenta provincial, que sinalou que “a cultura ten que ser un ben de primeira necesidade”, tamén informou as direccións dos Rías Baixas Fest que a Deputación de Pontevedra xa reorientou o seu Plan Estratéxico de Xestión dos Festivais da Provincia 2020-2023 para adaptalo ás consecuencias da crise sanitaria xerada pola COVID-19. As primeiras conclusións establecen o estudo do uso das liñas orzamentarias previstas para o fomento dos festivais; o impulso urxente dun plan de recuperación; a articulación dunha estratexia de colaboración para minimizar o impacto da cancelación ou aprazamento dos festivais e a delimitación, cos concellos anfitrións destes eventos, dunha folla de ruta de implantación dos futuros protocolos para ser “destinos de confianza”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.