“COVID MAKERS SMARTPEME”, iniciativa da DEPO para emprendedoras que están a fabricar material sanitario

O servizo provincial súmase á comunidade “maker” para difundir e asesorar ás iniciativas que se están a desenvolver para colaborar na crise.
Publicado por o día 28/03/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Empresas,Sanidad

“COVID MAKERS SMARTPEME”, iniciativa da DEPO para emprendedoras que están a fabricar material sanitario

O Servizo SmartPeme da Deputación de Pontevedra súmase á comunidade “maker”, ás persoas que desde o emprendemento están a crear solucións de emerxencia cara á crise sanitaria, e pon en marcha “Covid Makers SmartPeme”.

Trátase dunha plataforma de apoio ás mulleres e homes que nas últimas semanas está esforzándose na impresión de material preciso para combater o COVID19, consistente na difusión dos diferentes proxectos en marcha e na prestación de asesoramento para a realización de material sanitario e preventivo.

A raíz da situación excepcional que estamos vivindo e ante a necesidade de conseguir o maior número de equipos de protección posible para o persoal de servizos esenciais, están xurdindo unha multitude de iniciativas para prestar apoio na fabricación do material. Persoal sanitario, do mundo do deseño, a arquitectura, a enxeñería e as Tic, están traballando en proxectos colaborativos para avanzar na creación de respiradores, máscaras protectoras e todo o material necesario que se poida realizar mediante a impresión 3D. Moitas empresas e entidades puxeron as súas máquinas a disposición das autoridades e a comunidade “maker” non dubidou en sumarse desenvolvendo equipos como máscaras ou pantallas protectoras para contribuír a paliar a falta de material. Compre destacar a plataforma “Coronavirus Makers”, cunhas 10.000 persoas participantes a nivel nacional e máis de 1.300 galegas, unha comunidade aberta e sen ánimo de lucro centrada na impresión de máscaras de protección.

Con esta plataforma telemática, SmartPeme xa está difundir na súa newsletter, á que están subscritas máis de 5.000 persoas, enlaces a diferentes iniciativas como empresas privadas que proporcionan material, modelos e recollida das pezas fabricadas, plataformas “open source” con modelos para impresión e comunidades “makers” galegas con iniciativas en marcha. Do mesmo xeito, tamén publica nas súas redes sociais o material creado polas empresas do servizo para xerar sinerxias, a donación de material, subministro do material fabricado e noticias relacionadas. A través deste modelo de difusión SmartPeme quere chegar ao máximo de persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa.

Por outra banda, o asesor do Centro Provincial de Economía Dixital, CPED, situado no Viveiro de Empresas do polígono de Barro, está á disposición de todas e todos os “makers” da provincia para calquera consulta relacionada coa fabricación de equipos de protección sanitarios. Resólvense dúbidas, por exemplo, sobre as diferentes iniciativas postas en marcha, a descarga de arquivos, a laminación das pezas ou cos problemas de impresión que poidan xurdir. O asesor axudará así a desenvolver estes produtos a fin de conseguir o maior material posible para a protección do persoal sanitario da provincia de Pontevedra. Quen o desexe pode poñerse en contacto a través do correo electrónico
[email protected], o teléfono 886 202 020 ou ferramentas de videochamada.

O CPED presta de xeito habitual asesoramento especializado e capacitación en tecnoloxías avanzadas, ente as que destacan o modelado e a impresión 3D, da que se impartiron varios itinerarios formativos con máis de 60 horas de aprendizaxe sobre fabricación dixital.

Comentar noticia

Your email address will not be published.