Creadores vencellados ao museo explican como pasan os seus días de confinamento

A institución pontevedresa pretende poñer en valor que o mundo da cultura segue activo durante a crise sanitaria achegando á cidadanía as súas actividades do día a día
Publicado por o día 21/04/2020 na sección de Coronavirus,Cultura,Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Creadores vencellados ao museo explican como pasan os seus días de confinamento

O mundo da cultura segue activo durante estes días de confinamento e, para amosalo, o Museo de Pontevedra comezou hoxe a dar a coñecer a través do seu Facebook unha serie de vídeos protagonizados por creadores vencellados a institución pontevedresa nos que elas e eles mesmos contan as actividades do seu quefacer diario.

Con esta iniciativa preténdese que o Museo de Pontevedra siga creando contidos e sendo unha ventá na que artistas e diferentes persoeiros da cultura galega amosen o seu traballo e a súa creatividade á cidadanía. Neste caso, os protagonistas son persoas que nalgún momento centraron ou participaron en actividades do Museo e que, nun breve vídeo falan da súa actividade nestes días de confinamento: como se organizan para pintar, tocar música ou crear en calquera disciplina.

Entre outros, explicarán o seu día a día o ilustrador Luis Davila, o grupo Migallas teatro, o músico, escritor e locutor Xurxo Souto, a especialista en xestión cultural Rosario Sarmiento, e o músico e director do Conservatorio de Vigo Alejo Amoedo.

É con este último, Alejo Amoedo, con quen se comezou hoxe a distribución dos vídeos no Facebook do Museo. Pianista e doutor cunha tese sobre a obra para piano de Reveriano Soutullo, é especialista en compositores galegos. No vídeo conta, sentado no seu piano, como variou as súas rutinas entre os primeiros días de incertidume do estado de alarma ata a normalización da situación: primeiro ordenou partituras, logo comezou a preparar concertos que sucesivamente se foron cancelando e postpoñendo, e finalmente está a pensar en programas futuros ademais de repasar repertorio. Entre anécdotas, tamén fai referencia a cuestións persoais e agasalla ao público coa interpretación dunha das primeiras muiñeiras escritas en Galiza no século XVIII.