Cristina Pato recibe o XVII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

A escritora recibiu o galardón, promovido pola Obra Social de ABANCA, polo artículo «Realidades paralelas»
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Cultura,Galicia

Cristina Pato recibe o XVII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

Afundación, a Obra Social de ABANCA celebrou esta mañá no Café Moderno Afundación de Pontevedra o acto de entrega do XVII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, outorgado a Cristina Pato polo seu artigo «Realidades paralelas» publicado no diario La Voz de Galicia.

Acompañaron a premiada, ademais das outras dúas persoas finalistas, Míriam Ferradáns e Diego Giráldez, o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, quen abriu o acto recordando que este ano «tan extraordinario en tantísimos ámbitos, é tamén o décimo aniversario do pasamento de Francisco Fernández del Riego, e a el rendemos unha merecida homenaxe neste encontro». Quixo tamén trasladar ás persoas finalistas os «parabéns por esta distinción e quérovos agradecer as vosas historias e as vosas palabras. Coma vós, en Afundación queremos que a cultura e o coñecemento sexan patrimonio social». Xunto a el estiveron Francisco Domínguez, presidente da Fundación Penzol, quen ofreceu unha conferencia en homenaxe a Fernández do Rego; Vítor Freixanes, presidente do xurado; Carlos Vale, secretario; Fina Casalderrey, vocal; Inma López Silva, vocal; e Gloria Rodríguez López, vocal.

Tras a conferencia de Francisco Domínguez, na que se detallou a traxectoria de Fernández do Rego como un dos intelectuais imprescindibles para comprender a evolución da cultura galega ao longo do século XX, Carlos Valle, secretario do xurado,

procedeu a ler a acta. Nela os xurado constataba a dificultade na elección debido á elevada calidade dos tres textos, e como, tras intensas reflexións «Realidades paralelas» resultara seleccionado.

Cristina Pato quixo agradecer aos seus compañeiros finalistas, Míriam Ferradáns e Diego Giráldez, poñeren en valor nos seus artigos a necesaria atención ás emocións, especialmente nun ano tan complexo. Así, destacou «o amor á familia, aos amigos. E o amor pola literatura, que durante os meses de confinamento foi o meu apoio, especialmente a literatura galega, xa que era a que me quedaba máis a man, ao ter que me confinar en Galicia».

Finalmente, o presidente do xurado, Vítor Freixanes, destacou o compromiso de Afundación coa cultura e quixo acentuar o valor do «xornalismo literario, que é o tipo de xornalismo que recoñecen estes premios, xa que nel se integran textos destinados a perdurar e a ofrecer literatura nos xornais. Cristina Pato relatou no seu artigo unha metáfora do amor interxeracional á que podemos regresar, co mesmo interese de hoxe, dentro de moitos anos».

Cristina Pato

Cristina Pato é unha gaiteira galega, pianista clásica, escritora e educadora apaixonada. Aclamada como «unha virtuosa explosión de enerxía» por The New York Times, a súa vida profesional está dedicada á interpretación e á docencia que explora o rol das artes e das ciencias na sociedade. Ademais do seu traballo como música, Cristina traballou como artista residente na Universidade de Harvard e na Universidade de California Santa Barbara, onde creou un curso interdisciplinario sobre memoria xunto co neurocientífico Kenneth S. Kosik e a artista Kim Yasuda. Tamén traballou como asesora de educación de Silkroad, organización fundada polo violonchelista Yo-Yo Ma. É a fundadora do festival Galician Connection e escribe unha columna semanal para o xornal La Voz de Galicia. No curso 2019-2020 ocupou a Cátedra de Cultura e

Civilización Española no King Juan Carlos Center da Universidade de Nova York (NYU). É doutora en Artes Musicais pola Rutgers University (EUA), e conta cos títulos superiores de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Música do Liceu, e un Mestrado en Artes Dixitais da Universitat Pompeu Fabra. Na actualidade, está preparando un doutoramento en Estudos Culturais na Universidade de Santiago de Compostela.

Comentar noticia

Your email address will not be published.