Crítica social e mestura de estilos ao ritmo de Hard GZ no Teatro Vidal Bolaño

Ofreceu temas que achegaron o público á nova escena urbana

Hard GZ e Lil GZ son os nomes artísticos polos que é coñecido Pablo Ruibal Iglesias, nado en Vigo en 1995 e que medrou en A Coruña, onde, con 14 anos, empezou a compoñer rap influído polos discos que escoitaba. Semifinalista nos Premios de la Música Independiente (MIN 2019), o artista galego presentou o seu terceiro disco de estudio, na tarde deste mércores, nun concerto no Teatro Vidal Bolaño no campus de Vigo que supuxo a inauguración da programación cultural da Universidade de Vigo do segundo cuadrimestre.

En Versus, publicado o pasado mes de novembro, o rapeiro confronta as súas dúas vertentes: o trap (Lil GZ) e o rap (Hard GZ), obtendo como resultado unha mestura de estilos, sons e ritmos que achegaron ao público á nova escena, a escena urbana, que nestes últimos anos está a protagonizar un bo número de concertos e festivais arredor de Galicia e España.

Apoiado no seu colectivo La Utopía del Norte, o artista ofreceu un percorrido por novas sonoridades, mestizaxe de estilos e creatividade, sinais de identidade do autor. No concerto, as e os asistentes puideron desfrutar das cancións que compoñen o novo álbum, no que Hard GZ constrúe un conxunto musical que destaca polo carácter crítico, social e reivindicativo das súas letras.

Pasado, presente e futuro do rap galego

Tralo éxito acadado cos seus anteriores traballos, Virus e Kaos Nómada, o rapeiro galego segue a medrar ata o punto no que Hard GZ é o artista galego que máis entradas vende en salas e o que máis visitas atrae a súa canle de youtube. En plena fase de promoción da súa nova obra, e con múltiples actuacións ao longo do ano, destaca a súa presenza na segunda edición do festival O Son do Camiño, que terá lugar no mes de xuño no Monte do Gozo en Santiago de Compostela.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM