Critican o Concello ourensán por acusar as empregadas/os da limpeza de locais públicos de “falta de sensibilidade”

A CIG e UGT lembran que o persoal de Onet-Seralia mobilízase en defensa do seu postos de traballo
Publicado por o día 10/02/2017 na sección de CIG,Galicia,Ourense,Protestas,Sindicatos,UGT,Vigo

Critican o Concello ourensán por acusar as empregadas/os da limpeza de locais públicos de “falta de sensibilidade”

As centrais CIG e UGT, que ostentan a representación no comité de empresa de Onet-Seralia -concesionaria da limpeza das dependencias municipais de Ourense-, saíron ao paso das acusacións verquidas publicamente polo Concello contra as traballadoras/es, ás que acusan de “falta de sensibilidade”. Dende os sindicatos lembran que o único que pretende o persoal coas mobilizacións de todos os martes e xoves diante do consistorio é defender os seus postos de traballo.

A CIG e UGT veñen de facer público un comunicado no que critican que “os mesmos/as que promoven os despidos e a precarización pídenlle sensibilidade ás vítimas” e manifestan a súa “indignación” ante o pronunciamento oficial dos responsábeis do Goberno local en relación coas mobilizacións que se veñen producindo cada martes e xoves diante do consistorio.


“Resulta paradoxal que os mesmos/as que redactan un prego para unha nova adxudicación do servizo que leva aparellado a redución de máis de 450 horas de traballo semanal (preto das 25.000 ao ano) e que vai supoñer o despido de varias persoas ou a precarización das condicións laborais de todas, veñan agora a denunciar a falta de sensibilidade e respecto que supostamente poñen de manifesto nas súas mobilizacións”, indican.

Neste senso, consideran que “non cabe maior desatino nin falta de dignidade e consideración” xa que as traballadoras/es están a defender o seu emprego “e o seu pan presente e futuro, ameazado pola forma na que se vai adxudicar un servizo público mediante unhas condicións redactadas por burócratas sen escrúpulos que menosprezan os dereitos que teñen conquistados”.

Diante disto, queren deixarlle moi claro ao Goberno municipal que “imos seguir petando nas súas portas, golpeando a súa mala conciencia e evidenciando ante a opinión pública de toda a cidade o atropelo que queren cometer coas traballadoras/es da limpeza das dependencias municipais”.