Critican o rexeitamento do Concello de Vigo ás alegacións animalistas

O goberno municipal non acepta ningunha das propostas expostas por LIBERA!
Publicado por o día 19/12/2018 na sección de Galicia,Vigo

Critican o rexeitamento do Concello de Vigo ás alegacións animalistas

A Asociación Animalista Libera criticou esta mañá o rexeitamento á totalidade das súas propostas alternativas ao Orzamento do Concello de Vigo para 2019, onde expuñan ata 50.000€ en diferentes partidas económicas cuxo impacto evitaría, a curto prazo, abandonos animais e malas prácticas cos mesmos.
 
Os animalistas propoñían, por exemplo, unha convocatoria de axudas para entidades protectoras da cidade, que cada ano rescatan, rehabilitan e dan en adopción por centos de animais sen ningunha axuda do consistorio, ou impulsar un programa integral de xestión de colonias de gatos ferales, coma se sucede na Coruña a través da colaboración dos servizos municipais e ONG.
 
LIBERA! tamén expuña, con 25.000€, a creación de zonas de esparexemento para animais de compañía, un modelo que non require a mesma investimento que as tradicionais “áreas pechadas” e que funciona con éxito en localidades como Zaragoza, Barcelona e Bilbao, e que se está testando na propia A Coruña nalgúns parques da cidade.
 
Tampouco aceptou o núcleo de Abel Caballero a proposta para dedicar 5.000€ á realización de campañas de sensibilización, que poderían versar desde accións para fomentar a convivencia responsable ata o impulso de xestos solidarios como a adopción ou a acollida de animais abandonados.
 
Neste sentido os defensores dos animais lamentan que o goberno olívico haxa bloqueado propostas que son reclamadas non só polo voluntariado das asociacións protectoras, senón que obteñen un importante respaldo das viguesas e vigueses, e un ano máis a maior cidade de Galicia seguirá sen dotación económica para o desenvolvemento de políticas verdadeiramente animalistas.
 
Vigo volverá dedicar 33.000€ para alugar cabalos para a Policía Local, un gasto completamente inxustificado e de dubidosa utilidade real para a “seguridade cidadá”.