Critican o uso electoralista do acto de presentación do novo modelo que se fabricará en Vigo

Tamén insta ao director da fábrica viguesa a non falar de redución de custes cando se negocie o convenio
Publicado por o día 07/10/2019 na sección de CIG,Galicia,Motor,Sindicatos,Vigo

Critican o uso electoralista do acto de presentación do novo modelo que se fabricará en Vigo

A sección sindical da CIG en PSA Citroën critica o uso electoralista amosouse do acto de presentación do novo modelo que se fabricará nas instalacións de Vigo. Dende a CIG-Citroën instan o director de PSA “a non falar de redución de custes cando negociemos as futuras condicións económicas e laborais”.

O lanzamento do novo vehículo que se ensamblará nas instalacións viguesas de PSA que tivo lugar o pasado mércores foi contestado con contundencia pola representación sindical da CIG na empresa. Mediante un comunicado, a sección sindical da central en Citroën denuncia que o acto se realizase en pleno proceso electoral.

Tamén criticaron que tanto os directivos de PSA como os responsábeis políticos -co presidente da Xunta e co alcalde de Vigo á cabeza- percorreron as liñas de montaxe da fábrica en tren, “e non a pé, como traballamos os que ensamblamos os coches”. Neste senso, pregúntanse ironicamente se foi unha idea da dirección “para poder seguir os brutais ritmos de traballo dos que estamos encadeados /as ao proceso produtivo”.

Ao mesmo tempo, acusan os responsábeis políticos “cómplices da precariedade laboral e social” de usar o acto “para sacar a foto e mellorar a súa imaxe pública, eludindo e ignorando a realidade que padece a familia dese coche, que non sae na foto porque se atopaba baixo o ritmo da cadea ”. Finalmente, instan o director de PSA Vigo “a non falar de redución de custes cando negociemos as futuras condicións económicas e laborais”.

Salarios públicos

Por outra banda, a dirección de recursos humanos de Citroën remitiulle días atrás un escrito á CIG pedíndolle que rectificase o dato relativo ao salario do director xeral do centro vigués publicado nunha nota anterior. Esta información, que a empresa tilda de “inveraz non contrastada”, prodúcese con ocasión dun debate social, aberto pola propia PSA, sobre a necesidade de “contención salarial” para os traballadores/as da factoría de Vigo para poder competir coas fábricas low cost de países como Marrocos.

Por parte da CIG non hai ningún inconveniente en rectificar o dato, unha vez que a empresa indica que é incorrecto. Polo que apelamos á transparencia e á responsabilidade corporativa de PSA para que faga públicas as retribucións dos seus directivos, igual que o son as dos obreiros/as. “Só así será posíbel un debate serio e informado sobre os salarios na industria do automóbil como o que está aberto en Francia ao saberse que o presidente do grupo percibiu 6,7 millóns de euros en 2018, dato que non foi desmentido pola empresa.

Comentar noticia

Your email address will not be published.