Críticas a “Marea de Vigo” por excluínte

Publicado por o día 18/08/2014 na sección de Marea Vigo,Política,Vigo

Críticas a “Marea de Vigo” por excluínte

Nova Esquerda Galega advirte da dificultade de lograr a unidade e denuncia que o manifesto é produto dun “grupo reducido de iluminados”.

O manifesto “Marea de Vigo” que propugna a conformación dunha “candidatura cidadá unitaria” cara aos comicios municipais do próximo ano, vén de recibir as primeiras críticas. As mesmas proveñen do voceiro local de Nova Esquerda Galega.

Nun comunicado remitido poucas horas despois da presentación pública do referido manifesto, ao que tivo acceso Noticias Vigo, Lois Pérez Leira asegura que o mesmo “segue expresando a curta de miras dos organizadores, onde incluíron a unha parte reducida dos actores sociais e políticos da nosa cidade que nas últimas décadas loitaron por unha cidadá máis democrática, máis participativa e mais inclusiva”. Leira carga contra o que cualifica como “intento de exclusión” por parte dos promotores da iniciativa. El mesmo tentara semanas antes do lanzamento de “Marea de Vigo” articular un espazo de diálogo entre diversas forzas políticas que, porén, non contou cunha resposta satisfactoria.

Malia recoñecer o manifesto como unha “achega á unidade”, desde Nova Esquerda Galega advirten que a confluencia será difícil “se un grupo reducido de iluminados co aval dalgunhas figuras históricas tenta apropiarse da representación política e social do conxunto de forzas políticas progresistas e de esquerdas de Vigo”.

Anova e EU poderían sumarse

“Marea de Vigo” aparece en escena logo da presentación pública de “Marea Atlántica”, primeiro, e “Somos Maioría”, pouco despois. Ambas as iniciativas –a primeira referida á Coruña e a segunda ao conxunto de Galiza- procuran obxectivos semellantes: a conformación de candidaturas “cidadás” e de “unidade”, elixidas por primarias abertas, arredor dun programa de “esquerda rupturista”.

A pesar de que estas iniciativas son presentadas como “de base” e entre os e as súas promotoras salientan activistas e persoeiros de diversos sectores intelectuais, para alén de persoas “anónimas”, existen voces que apuntan a que tras estas se sitúan intereses dalgunhas forzas políticas. Nese senso, nin o sector maioritario de Anova, encabezado polo seu coordinador Martiño Noriega, nin Esquerda Unida disimulan a súa “simpatía” con estas propostas. Fontes sinalan que as dúas forzas, que na actualidade conforman a chamada Alternativa Galega de Esquerda, terían xa decidido adoptar a fórmula “cidadá” proposta por estes manifestos para as eleccións municipais de maio de 2015.