Interconectar recursos, realidades, obxectos e vincular contextos, co obxectivo de desenvolver narrativas da historia, que lle conten algo novo ou que lle deixen un espazo aberto á reflexión ás e aos consumidores de bens culturais. Con esta filosofía púñase en marcha a mediados do ano 2016 o proxecto europeo Crosscult, no que once socios europeos, entre eles a Universidade de Vigo, acadaron unha subvención de máis de 3,5 millón de euros, co obxectivo de mellorar o coñecemento de Europa a través da conexión dos seus bens culturais. Ano e medio despois do seu inicio, o proxecto celebrou, desde o pasado mércores e este venres, unha xuntanza no campus de Vigo, na que se exploraron as posibilidades de transferencia e colaboración durante o que será o derradeiro ano do proxecto, que rematará en febreiro de 2019.
“Estamos xa en condicións de empezar a transferir cousas e precisamente, o obxectivo primeiro desta reunión foi traer tantos representantes como fose posible do ámbito cultural de Galicia e do norte de Portugal. Estamos moi satisfeitos cos resultados destes contactos, porque identificamos un bo feixe de oportunidades e se lles damos boa forma nos vindeiros meses, a Universidade de Vigo deixará unha pegada significativa no tecido cultural da nosa zona de influencia”, asegura Martín López Nores, investigador do grupo de Servizos para a Sociedade da Información de atlanTTic, que xunto ao Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Facultade de Historia, que dirixe Susana Reboreda, representa á Universidade de Vigo no proxecto. Ata o de agora máis de 20 institucións e unhas 70 persoas de toda Europa tomaron parte en Crosscult, que está coordinado polo Luxembourg Institute of Science and Tecnology.
Aplicacións dos experimentos creadas e probadas
Nos meses de desenvolvemento do proxecto, as e os investigadores da Universidade de Vigo foron quen de crear as aplicacións dos experimentos piloto e realizar as probas en varios museos e varias cidades que se ofreceron a colaborar. “No ano que temos por diante, queremos seguir probando e mellorando os servizos que se ofrecen, xa non da man destes socios, senón tamén doutros potenciais interesados, para dar os pasos axeitados na dirección de acadar un impacto á altura das expectativas iniciais”, sinala López Nores, que realiza unha valoración moi positiva do funcionamento do consorcio, en especial a participación no mesmo de perfís tecnolóxicos e de humanidades.
Aínda que co paso dos meses, algúns dos obxectivos do proxecto foron matizados, reducidos nalgúns casos e ampliados noutros, a medida que se concretaban os requisitos e expectativas das cidades e dos museos participantes, o investigador principal asegura que se manteñen na liña do proposto inicialmente. “Ao tempo, replantexamos algúns elementos tecnolóxicos porque foron aparecendo solucións novas en distintos ámbitos do software que, sen dúbida, melloraban as prestacións das que existían no momento de elaborar a proposta”, detalla o investigador de atlanTTic.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.