A Crusoe refórzase coa incorporación da Universidad de Cantabria

A Conferencia de Reitores del Suroeste de Europa suma 23 entidades de ensino superior ibéricas
Publicado por o día 12/12/2017 na sección de Universidade de Vigo

A Crusoe refórzase coa incorporación da Universidad de Cantabria

A Conferencia de Reitores del Suroeste de Europa, Crusoe, conta desde hoxe cun novo membro: a Universidad de Cantabria, que se converte no integrante número 23 da rede que agrupa unha vintena de entidades de ensino superior da Península Ibérica. A Universidad de Salamanca acolleu hoxe e onte a celebración do sétimo plenario da Crusoe, no que, ademais de cuestións académicas e institucionais de interese común para os integrantes da rede, abordouse a sinatura e lexitimación das cláusulas transitorias para a adhesión da Universidad de Cantabria, un acordo que foi subscrito polo presidente da Crusoe e reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o reitor cántabro, Ángel Pazos.

Creada no ano 2011 co obxectivo de redefinir un espazo multidisciplinar de colaboración académica e en materia de investigación e innovación, que contribúa ao desenvolvemento territorial e á especialización intelixentes das rexións ibéricas do suroeste de Europa, a Crusoe estaba integrada, ata o de agora, por 22 entidades de ensino superior da Península Ibérica: a Universidad de Oviedo; as oito universidades públicas e privadas de Castela e León; as tres institucións de ensino superior que integran o Sistema Universitario Galego e as universidades e institutos politécnicos das rexións norte e centro de Portugal.

Balance do exercicio 2016-2017

A piques de rematar o ano 2017, a Crusoe deixa atrás un exercicio no que destacan catro accións específicas desenvolvidas polos seus membros cara á consecución dos seus obxectivos xerais. Neste sentido, a constitución de grupos intersectoriais para compartir potencial académico, científico, cultural cara á consolidación de espazos de colaboración e sinerxías rexionais, nacionais e internacionais é unha das accións que os integrantes da rede destacan do exercicio 2016-2017, no que tamén se levou a cabo un proceso de reflexión e traballo conxunto na xeración de proxectos colaborativos ou en materia de I+D, para a resolución dos problemas estratéxicos da macrorrexión do sudoeste europeo (Resoe).

A posta en marcha de plans de mobilidade entre o persoal docente, investigador e de administración e servizos, así como propiciar accións de articulación interrexional e internacional co obxectivo de promover unha mellor visibilidade da Crusoe na Unión Europea e unha máis axeitada cooperación internacional para o seu desenvolvemento, son outras das accións específicas desenvolvidas pola rede no último exercicio.