CSIF reclama a recuperación de dereitos retributivos e laborais dos empregados públicos nos Orzamentos 2018

Lembra que deixaron de percibir máis de 600 millóns de euros en retribucións durante o últimos cinco anos
Por o 24/10/2017 | Sección: CSIF,Sanidad,Sindicatos
CSIF reclama a recuperación de dereitos retributivos e laborais dos empregados públicos nos Orzamentos 2018
Compartir en:

A Central Sindical Independente e de Funcionarios, CSIF Galicia, reclama á Xunta que contemple na Lei de Medidas Administrativas que acompañará á Lei de Orzamentos de 2018 un plan de recuperación do poder adquisitivo dos empregados públicos, cuxa perda ascende a un 20% desde a aplicación do primeiro recorte co Goberno de Rodríguez Zapatero.

Esta recuperación tamén deberá incluír a devolución das cantidades requisadas polo Goberno galego do salario dos empregados públicos en concepto de complemento específico autonómico ou equivalente durante 2013, 2014, 2015 e 2016, suplemento que supón o 40% das pagas extras. En total, os empregados públicos han deixado de percibir máis de 600 millóns de euros en retribucións durante o últimos cinco anos. Todo iso sen contar coa diminución económica derivada da suspensión dos acordos retributivos no ámbito do Sergas, que se remonta a 2010 e que se mantén actualidade.

O sindicato, nas alegacións que presentou ao anteproxecto presentado pola Xunta que se abordou hoxe na Mesa Xeral de Empregados Públicos, considera contraditorio que mentres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegura que Galicia abandonou a depresión e anima ás empresas a que incrementen os seus salarios, o Goberno que o preside siga sendo debedor cos seus propios empregados. Para CSIF, o anteproxecto presentado é un despropósito en tanto que non recolle nin un mínimo xesto que indique a vontade da Xunta de devolverlle aos traballadores o que lles debe.

Entre as alegacións presentadas por CSIF destaca, ademas, a derrogación da Lei 1/2012 de medidas temporais en determinadas materias de emprego público como a reposición do Fondo de Acción Social e da totalidade dos días de libre disposición, o fin da suspensión do complemento ás prestacións da Seguridade Social en situación de incapacidade temporal e a ampliación da protección do artigo 7 tamén fronte a procesos selectivos.

Ademais, reclama a restitución do resto de acordos suspendidos ou anulados en materia de dereitos laborais ou económicos, a revogación da limitación establecida con carácter xeral da cobertura temporal e de postos de traballo por persoal interino ou temporal e a retirada das medidas impostas unilateralmente na Lei de Acompañamento do 2017 en relación á funcionarización do persoal laboral.

Para CSIF, as medidas propostas por esta organización son urxentes e inaprazables se se quere avanzar en conseguir uns servizos públicos modernos e de calidade, nos que a estabilidade e a profesionalidade sexan as súas marcas principais.