A cuarta edición do torneo de golf “Pulpo-Deputación de Pontevedra” reunirá a golfistas de todas as idades no Aero Club de Vigo

Publicado por o día 08/08/2017 na sección de Deportes,Galicia,Vigo

A cuarta edición do torneo de golf “Pulpo-Deputación de Pontevedra” reunirá a golfistas de todas as idades no Aero Club de Vigo

O deputado provincial David Regades asistiu hoxe á presentación do cuarto torneo de golf “Pulpo-Deputación de Pontevedra”, que reunirá entre os días 12 e 15 de agosto a golfistas de todas  as idades. Como nas pasadas edicións, nas que chegaron a participar ata 200 xogadores e xogadoras, o torneo celebrarase no Real Aero Club de Vigo.

David Regades sinalou que esta competición xa está a converterse nunha referencia no golf na provincia de Pontevedra. Pola súa parte, Carlos Mantilla e Jorge Pérez, organizadores do torneo, subliñaron o carácter competitivo e familiar deste torneo no que pretenden fomentar o golf entre a sociedade.

Na competición cada participante deberá completar un total de 36 foxos e o sistema de competición será “Stableford”, unha modalidade que consiste en que cada foxo puntúase con relación ao par.

Poderán participar no torneo todos aqueles golfistas con hándicap nacional que estean en posesión de licencia en vigor expedida pola Real Federación Española de Golf e ademais este ano como novidade o torneo incorpora dúas categorías de infantís, con catro ou nove foxos.

Xunto a Deputación de Pontevedra, máis de 50 empresas privadas colaboran cun torneo que como xa é tradición destaca co premio que recibirá aquel que faga un foxo en un, xa que será premiado co seu peso en polbo.

Para rematar o acto o presidente do Real Aero Club de Vigo,  Luis Gonzaga de la Calle,  animou a tódolos golfistas a participar nesta festa do deporte na que queren converter o trofeo.