A cuarta eliminatoria do certame MicroCatrorelatos elixirá o 28 de abril os dous últimos finalistas

Ás catro fases do concurso foron presentados un total de 67 orixinais.
Publicado por o día 19/04/2017 na sección de Cultura,Vigo

A cuarta eliminatoria do certame MicroCatrorelatos elixirá  o 28 de abril os dous últimos finalistas

O xurado do concurso MicroCatrorelatos -integrado por Clara do Roxo, Amadeo Cobas, Mari Carmen Casal e Ángela Costas- elixiu onte os oito orixinais que participarán na cuarta semifinal do certame, que se celebrará o venres 28 de abril no Café de Catro a Catro. Os textos seleccionados nesta última fase son: “Amores de tumba”, “A avoa”, Desacougo azul”, “IBNI”, “E o móbil no vestiario”, “O teu son”, “Mortizos”, e a “Metáfora perfecta”.

Dous destes relatos se sumarán aos xa elixidos nas eliminatorias de xaneiro, febreiro e marzo para tomar parte na final do certame, o vindeiro mes de maio. Os seus autores e autoras deberán ler ou interpretar o seu texto de xeito, desta forma, a súa forma de facelo tamén incide nos elementos que xurado e público teñen en conta para emitir a súa puntuación, xunto á calidade literaria e a orixinalidade. Nas súas votacións, tanto público asistente como o xurado deberá outorgar 3, 2 e 1 puntos as tres obras que considere que debe resultar gañadora.

Tendo en conta os catorce textos enviados para participar nesta cuarta fase do certame, foron un total de 67 os relatos presentados a esta quinta edición do concurso, organizado polo Café de Catro a Catro en colaboración coa asociación cultural 4 Patacos e as editoriais Galaxia, Xerais e Elvira.