Cultura apoia o Festival Sinsal Son Estrella Galicia para “reforzar e diversificar a oferta cultural na nosa comunidade”

Anxo Lorenzo destaca a proposta de actividades complementarias de balde para toda a familia, así como o encontro entre música tradicional e experimentación

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia de outono botará a andar en Vigo os días 6 e 7 de outubro, para “reforzar e diversificar a oferta cultural na nosa comunidade”, segundo indicou o secretario xeral de Cultural, Anxo Lorenzo, durante a presentación da nova iniciativa, que vai combinar concertos de balde e de pago con actividades complementarias gratuítas para toda a familia. O Museo do Mar de Galicia será o escenario o sábado 6, mentres que os estaleiros Freire e Cardama, na fachada marítima de Bouzas, acadarán o seu protagonismo o domingo 7.

A Consellería de Cultura e Educación aposta por esta iniciativa como unha “oferta alternativa, capaz de congregar públicos moi diversos”, que vén avalada pola “longa traxectoria do seu irmán maior, o Sinsal da Illa de San Simón”. O responsable autonómico de Cultura destacou o feito de que se celebre en dous espazos diferenciados, “un que forma parte do patrimonio de todos os galegos, o Museo do Mar de Galicia, e outro empresarial e privado”. O programa ofrece sons de Galicia, Taiwán, Brasil, Islandia ou Andalucía para permitir “o encontro entre o tradicional e a experimentación”, ademais dunha ampla oferta de actividades complementarias aos concertos.

Na rolda de prensa de presentación participaron, ademais do secretario xeral de Cultura, o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, o director do Museo do Mar de Galicia, Vicente Caramés; o co-director do festival, Julio Gómez, e o responsable de patrocinios Música de Son Estrella Galicia, Víctor Mantiñán.

Actividades para toda a familia

Para Anxo Lorenzo, esta nova proposta vén completar unha programación de festivais que fai de Galicia “unha cita de referencia no conxunto do país, contribuíndo tamén á súa desestacionalización”. Un evento que, ademais, oferta actividades didácticas para todas as idades e gustos que “encherán de posibilidades” o interior e os xardíns do museo.

A programación de obradoiros, aberta ao público, terá lugar o sábado día 6, no Museo do Mar de Galicia. Ás 13:30 horas, Juanma Lodo ofrecerá unha actividade didáctica que leva por título Do, Re, Bip, na que se fai unha introdución á música dixital, desde o uso dos instrumentos ata a produción, explicando conceptos a través de divertidas propostas. Ás 14:30 e ás 16:30 horas, Sistema Lupo propón unha serie de obradoiros de arquitectura e deseño pensados para toda a familia, nos que se traballa sobre diferentes aspectos do proceso creativo a través do proxecto arquitectónico. E tamén nos que, a través de desafíos e retos, se abrirán fiestras ao mar e ao festival, traballando en equipo.

Concertos de acceso libre

O sábado 6, no propio museo, o público terá ocasión de gozar de concertos de acceso libre. Ás 13:00 horas, na sala de exposicións, Dúas ofrecerá o concerto didáctico Raíces, no que presentarán algúns instrumentos de percusión e cancións tradicionais africanas, para somerxerse nas raíces do continente veciño. Ás 13:30 horas, no xardín do museo, as artistas que compoñen Voodoo mesturan o soul e o folk para presentar o seu novo traballo, Eu son Voodoo Vol. II, onde inclúen letras do cancioneiro tradicional galego con harmonías da música negra.

No mesmo espazo, ás 14:30 horas, o DJ Viktor Flores ofrecerá unha sesión musical e, ás 16:30 horas, a banda taiwanesa Sunset Rollercoaster, de xira por primeira vez en Europa tras conquistar a escena musical independente en Asia, presenta o seu segundo disco, Cassa Nova.

Concertos con entrada

A partir das 18:00 horas darán comezo os concertos con entrada, encabezados por 16 mm, o proxecto no que Macarena Montesinos (violonchelo) e Paulo Pascual (theremin) traballan na musicalización (composición, interpretación, improvisación etc.) do cinema ao vivo. JFDR String Quartet tomarán a remuda ás 19:30 horas, JFDR é o proxecto en solitario de Jófríður Ákadóttir, voz dos islandeses Samaris que colabora para este concerto co cuarteto de corda do proxecto Ensemble Galería.

Ás 21:00 horas será o momento de escoitar a Baiuca, Alejandro Guillán e Alex Casanov, que achegan a tradición galega á vangarda electrónica. Instrumentos como cunchas, frautas, gaitas ou voces tradicionais asócianse con sintetizadores, caixas de ritmo e
programacións para ofrecer sons sorprendentes. A última proposta da xornada, ás 22:30 horas, chega con En el nombre de, un espectáculo audiovisual no que Niño de Elche, o cantador ex-flamenco e Los Voluble, un dúo audiovisual de Sevilla se acompañan da zanfona de Raúl Cantizano e as bases e ruídos de Pablo Peña para poñer sobre o escenario un discurso no que o fronteirizo xoga cos seus propios límites.

Concertos de pagamento

O domingo 7, o Festival Sinsal Son Estrella Galicia trasládase desde Alcabre ata Bouzas, onde ás13:00 horas, nos estaleiros Cardama, Castello Branco, un dos maiores talentos da súa xeración en Brasil, presenta o seu novo disco, Sintoma, que o converte nunha realidade dentro da nova escena no seu país. Á mesma hora, nos estaleiros Freire, María del Mar Blanco Moreno interpreta as Variacións Goldberg, en colaboración coa Orquestra Clásica de Vigo. Blanco Moreno é profesora de clave no Conservatorio Superior de Música de Vigo e compaxina a docencia coa actividade concertística.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM