Cultura participa na homenaxe inaugural da programación das Letras Galegas 2019 en Cotobade, vila natal de Antonio Fraguas

O acto celebrouse na súa casa de Insuela, na parroquia cotobadesa de Loureira, onde descubriuse unha placa conmemorativa do Día das Letras
Por o 13/01/2019 | Sección: Cultura
Cultura participa na homenaxe inaugural da programación das Letras Galegas 2019 en Cotobade, vila natal de Antonio Fraguas

A Consellería de Cultura e Turismo, a través do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participou hoxe no acto inaugural da programación das Letras Galegas 2019 en Cotobade, vila natal de Antonio Fraguas, intelectual homenaxeado na edición deste ano e fillo predilecto destas terras.

O acto celebrouse na súa casa do lugar de Insuela, na parroquia cotobadesa de Loureira, onde descubriuse unha placa conmemorativa do Día das Letras. A homenaxe cerrouse coa interpretación do himno galego. Ademais do director xeral de Políticas Culturais, o acto tamén asistiron Jorge Cubela, presidente do concello de Cercedo-Cotobade; Xosé Leal, delegado provincial de Cultura da Deputación de Pontevedra; Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Xusto Beramendi, presidente da Fundación Fraguas; e Carolina Martínez, filla do sobriño de Antonio Fraguas e propietaria da vivenda.

Discípulo de Castelao e de Losada Diéguez -de quen foi alumno de bacharelato en Pontevedra-, pasou a súa etapa universitaria en Santiago de Compostela onde en 1928 se licenciou en Filosofía e Letras. Posteriormente doutorouse na Universidade de Madrid cunha tese sobre o colexio de Fonseca.

Foi na capital de Galicia onde pasou a formar parte activa da intelectualidade galeguista da época, xa que ingresou nas Irmandades da Fala e comezou a colaborar nas seccións de Xeografía e de Etnografía e Folclore do Seminario de Estudos Galegos. Dentro do Seminario iniciou o estudo da xeografía histórica de Galicia (con especial atención ás Rías Baixas e á zona de Cercedo-Cotobade, onde nacera), e dos costumes arredor do Entroido. Así mesmo foi parte activa da transformación deste órgano no actual Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, no que exerceu como bibliotecario, secretario e director da sección de Etnografía e Folclore.

En maio de 1951 ingresou na Real Academia Galega, na cadeira que deixara o seu profesor Alfonso Rodríguez Castelao; e en 1963 foi nomeado director do actual Museo do Pobo Galego. Tamén tivo responsabilidades no Consello da Cultura Galega (onde coordinou a sección de Antropoloxía), foi membro numerario da Real Academia Galega de ciencias e da Real Academia da Historia; e exerceu como Cronista Oficial de Galicia (desde 1992), entre outros.

No seu haber figuran recoñecementos coma o Premio Trasalba en 1985, o premio Otero Pedrayo en 1992, a Medalla Castelao, e o premio das Artes e das Letras en Galicia. Entre as súas obras figuran ensaios en galego sobre Murguía, a Literatura oral en Galicia, sobre o Entroido, ou sobre as festas populares. Tamén publicou en castelán obras sobre a xeografía de Galicia ou o traxe galego entre outros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.