‘Cumieira’, o galego si ten quen lle escriba

A publicación aspira a consolidarse e a obter recoñecemento dentro do seu ámbito
Publicado por o día 07/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

‘Cumieira’, o galego si ten quen lle escriba

Reunir e divulgar algúns dos máis destacados traballos na “lingua do fogar de Breogán” é o propósito de Cumieira. Cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega, publicación de carácter anual do ámbito da lingüística e literatura, que edita o Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo. O segundo número da publicación recolle un total de seis artigos de temáticas diferentes como é o amor cortés, a onomástica, as vangardas, a influencia do ensino na adquisición lingüística e a construción de dous corpus ao ámbito dos estudos lingüísticos e literarios, agás no caso dunha investigadora de Educación Infantil, que examina as competencias no idioma no eido educativo na contorna urbana.

A este segundo volume de Cumieira, presentáronse oito propostas das que foron aceptadas seis, descartándose as outras dúas por cuestións formais, aínda que “en calquera caso, seguen tendo abertas as páxinas de Cumieira para a publicación dos seus traballos”, explica Xosé A. Fernández Salgado, profesor no Departamento de Filoloxía Galega e Latina e editor deste caderno. Así, a comisión de revisión científica, formada por profesores da Universidade desta materia, decidiuse por estes textos académicos porque “temos en conta a calidade do traballo, que polo xeral xa pasou o filtro dun tribunal xulgador, pois maioritariamente son Traballos Fin de Grao e de Mestrado, que foron adaptados e revisados segundo as normas da revista”. Estes artigos, ademais, inclúen os seus resumos e títulos traducidos ao inglés para, deste xeito, “outorgarlles unha maior visibilidade internacional”. Igualmente, Fernández Salgado explica que a intención deste proxecto é continuar producindo máis números e, ademais, adquirir certo grao de recoñecemento no seu ámbito.

O galego na zona urbana de Ourense

Que as escolas opten polo galego como idioma no que impartir as clases, resulta suficiente para que o alumnado o asimile como lingua propia? A esta cuestión enfrontouse Nuría Díaz na súa investigación, na que estudou as competencias lingüísticas de 94 nenos e nenas de dous centros educativos diferentes da cidade de Ourense. Nun deles, a mestra imparte docencia en castelán e noutro, en galego. A conclusión que obtivo revela que nas aulas onde se emprega o castelán, as e os galegofalantes abandonan a súa fala e, pola contra, que o galego predomine nunha clase non implica, necesariamente, que os alumnos e alumnas o adquiran como medio de expresión.

Dous corpus lingüísticos dende o inglés e dende o galego do Bierzo

O proxecto SensoGal, que se empezou a desenvolver nunha bolsa de formación da Área de Normalización Lingüística no ano 2015, preséntase neste número de Cumieira. Trátase dunha recompilación de 30 textos -arredor de 2000 palabras- de diferentes disciplinas académicas como arte, historia e agricultura, da que se obtén, despois da tradución ao galego, unha desambigüidade nos significados. Este corpus semántico está conectado con outro recurso, denominado Wordnet, que ten como finalidade o enlace entre o catalán, vasco, portugués e o galego. Ao poder consultar esta ferramenta dende unha plataforma web, facilítase o emprego do galego no mundo das novas tecnoloxías, segundo o estudo de Susana Brandariz.

“Zaramalladas!/ tu eres un gran barallourzas”. Estes versos pertencen á obra de ensaios poéticos do autor berciano Antonio Fernández e, grazas ao artigo de Andrea Castelo, incluído tamén no segundo volume de Cumieira, sábese que, realmente, esa voz poética atópase ante unha persoa faladora, sen tino e que mente por costume e sen necesidade, o que se coñece na idiosincrasia galega como un “falabarato”. Castelo recolle 162 entradas nesta variante da zona do Bierzo para facilitar, así, a compresión dos termos non coñecidos, ou menos coñecidos, a aqueles e aquelas interesadas en acercarse ás letras deste escritor.

Caecilia é Icía

“Chámome I-c-i-a”. Este é o mecanismo do que ten que botar man a autora do artigo Os resultados galegos do nome latino Caecilia, incluído neste segundo volume, Icía Moreira, sempre que lle preguntan polo seu nome. Precisamente, por esta experiencia persoal, decidiu indagar sobre a orixe deste antropónimo e realizar un percorrido pola historia da onomástica para coñecer a súa evolución. Esta viaxe concluíu primeiro que os reinos e dominios feudais, grupos de espartanos, eclesiásticos da catedral compostelán e, sobre todo, cidadáns da antiga Roma escoitaron a Caecilia, nome de orixe latino que deu lugar a outras variantes actuais como Cecilia, Cecia ou Icía e, segundo, que é, precisamente, esta última versión a que predomina sobre as outras. Ademais, as case 500 persoas que se chaman deste xeito localízase na súa maioría dentro do territorio galego.

Futurismo e amor cortés

A historia da literatura ocupa un oco importante dentro das páxinas de ‘Cumieira’, pois tanto as letras medievais como as relacionadas coa entrada do século XX examínanse nesta nova publicación. Estefanía González analiza a concepción do amor dentro da literatura medieval, tendo en conta a escola galego-portuguesa, a provenzal e as novelas artúricas. Así, delimita os elementos esenciais deste xénero literario e os exemplifica mediante a achega de comentarios a poemas incluídos na lírica medieval así como a realización de contextos para cada un deles. Finalmente, tras estes procedementos a autora concluíu que o tópico da obsesión coa muller amada, aínda que non tan frecuentes como o “cuidar” ou a “consecuencia”, é outra característica que ter en conta á hora de definir o amor cortés.

Nun escenario de comparación, Darío Álvarez situou ao Futurismo da literatura galega, movemento artístico incluído no período as Vangardas, nun lado e, noutro, a mesma corrente da cultura española. Polas súas investigacións, sostén que ambas representan o máximo expoñente das correntes políticas do momento, mais de forma antagónica, pois o primeiro sostivo o nacionalismo galego, en relación co seu homónimo en Rusia, e o segundo apoiou ao fascismo de Mussolinni en Italia. Dous entes dispares que revelan a importancia que tiveron ambas tendencias.