Curso de contacontos en novembro, con Beatriz Campos

Publicado por o día 19/10/2015 na sección de Cultura

Curso de contacontos en novembro, con Beatriz Campos

Tralo curso de contacontos para adultos impartido pola actriz e narradora Beatriz Campos neste mes de outubro, LIBROS PARA SOÑAR volve convocar unha nova edición desta actividade formativa para o vindeiro mes de novembro, dende o luns día 16 ao xoves 19 en horario de 10:30 a 13:30 horas. Está dirixido a educadores e docentes, bibliotecarios, mediadores de lectura, xestores culturais e público en xeral.

Beatriz Campos artellará ás clases en tres partes: unha primeira sobre a clasificación dos álbums ilustrados por idades, atendendo á súa temática e formato, con mostras dos materiais que se atopan actualmente no mercado.

Tamén se abordará como organizar unha sesión de contacontos en función dos intereses e das expectativas do público. Neste apartado atenderase especialmente á recuperación e á posta en valor da tradición oral e do cancioneiro popular, así como ao legado cultural co que medraron e se formaron as xeracións pasadas.

Finalmente, a través de xogos de expresión e de exercicios de relaxación, vanse practicar técnicas para aprender a contar. Ao remate das sesións, o alumnado do curso participará nunha sesión real de contacontos en LIBROS PARA SOÑAR para exercitar as estratexias narrativas e os coñecementos adquiridos.

Beatriz Campos é licenciada en Arte Dramática. Forma parte de compañías de teatro como Triatreros, artífices da webserie “Dálle Jas!”, que vén de recibir unha mención no prestixioso certame Bilbao Web Fest. Ademais, traballou en programas da TVG como “Na nosa nube”. Leva vinculada ao teatro dende a nenez, na compañía Migallas, coa que representou diversas obras e participou en campañas infantís como “Á procura do tesouro” no Concello de Pontevedra, que aínda se mantén. Tamén pertenceu ao equipo de animación á lectura de KALANDRAKA realizando sesións de contos e música en escolas galegas, librarías, bibliotecas e centros culturais. Nos últimos anos -xunto co actor e músico David González- imparte as sesións para bebés “Entre arrolos e contiños”. Ademais, protagoniza a sesión de narración oral “Contos nas orellas” que se representa por toda Galicia e coa que estivo de xira por Latinoamérica, onde foi unha das narradoras do III Festival de Artes Escénicas Gran Caribe. Colabora en espectáculos de improvisación e foi intérprete no documental “Pelo Gato 24”. Imparte clases a grupos de teatro afeccionado e cursos de formación sobre expresión oral e narración para o profesorado.

Xa está aberto o prazo de inscrición para este curso de contacontos para adultos, cun custe de 40 euros.

PRENSA KALANDRAKA COMUNICACIÓN