CXG esixe ao alcalde de Nigrán o inmediato cese do seu concelleiro de Obras

Publicado por o día 20/02/2014 na sección de Compromiso por Galicia,Operación Patos,Política

CXG esixe ao alcalde de Nigrán o inmediato cese do seu concelleiro de Obras

  Compromiso por Galicia da comarca do Val Miñor esixe o cese ou demisión do Concelleiro de Obras de Nigrán, José Álvarez Valverde, imputado por un suposto delito de prevaricación na operación Patos, na que se investigan supostas irregularidades na adxudicación de contratos públicos.

   Compromiso por Galicia, en declaracións da súa voceira en Nigran, Natalia Costas Alonso, e tras os últimos acontecementos coñecidos esixe ao alcalde de Nigrán o inmediato cese do seu concelleiro de Obras.

   Alberto Valverde, alcalde de Nigrán, non pode pechar os ollos á situación de que a pesar da presunción de inocencia de todos os imputados, o seu concelleiro saise dos xulgados en liberdade con cargos por presuntos delitos de tráfico de influencias, cohecho, falsidade documental e prevaricación, acollendose ao seu dereito a non declarar ante a xuiz e o fiscal de Delitos Económicos, cando o seu deber como representate público era prestar a máxima información e colaboración na investigación.

  Segundo Natalia Costas este feito de non querer declarar ante o xuiz obriga ao alcalde de Nigrán a cesar inmediatamente ao seu Concelleiro de obras e solicitar a súa demisión e renuncia ao cargo.

  Natalia Costas lembra igualmente que o concello de Nigrán converteuse nun concello ingobernable, cun alcalde que xa sufriu a renuncia do seu Tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Ignacio Vilas, o cal renunciou en setembro do 2013 de forma oficial a todos os seus cargos no goberno ademáis de pedir o seu paso ao grupo mixto do Concello, deixando ao goberno de Alberto Valverde sen maioría absoluta.

  Asimesmo esta imputación dun membro de goberno coincide no tempo coa condena á exconcelleira de Educación de Nigrán Ana Costas Abalde, dimitida en novembro de 2013, e que por sentenza do Xulgado do Penal número 2 de Vigo acaba de ser condenada a pagar ao erario público un total de 845.664 euros entre multas e unha indemnización por delitos de falsidade en documento mercantil e fraude fiscal.

  Natalia Costas lembrou que nestes últimos cinco meses o goberno de Nigrán perdeu ao seu Tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, á súa Concelleira de Educación, tendo nestes momentos imputado ao seu Concelleiro de obras, e afectando estes feitos gravemente á gobernabilidade do concello, paralizada a súa laboura de goberno agora en minoría. Para CxG esta desfeita do grupo municipal Popular ocasiona que os veciños e veciñas de Nigrán convivan con acusacións de transfugismo e corrupción, sendo opinión maiorítaria que Nigrán ten nestes momentos un alcalde sobrepasado polos acontecementos que está a demostrar non saber estar á altura das circunstancias.

  Finalmente Compromiso por Galicia solicita a máxima colaboración do alcalde e concelleiros coa investigación xudicial, poñendo á disposición da xuiz e do fiscal toda a infraestructura municipal para coñecer a verdade ou falsidade das supostas acusacións que caen sobre a Administración local de Nigrán.

PRENSA CXG