CxG esixe investigación sobre a denuncia de enchufismo en Vigo

Publicado por o día 18/11/2013 na sección de Compromiso por Galicia,Política

CxG esixe investigación sobre a denuncia de enchufismo en Vigo

  Compromiso por Galicia esixe que se aclaren as graves acusacións do exalcalde de Vigo, Carlos González Principe, sobre os supostos casos de enchufismo en militantes e familiares de militantes, contratados nos últimos anos no Concello, a Autoridade Portuaria e en contratas municipais.

  Compromiso por Galicia, a través de Henrique Macías, responsable local en Vigo, esixe que a dirección do Psdg-Psoe abra unha investigación interna para aclarar a denuncia presentada polo ex alcalde de Vigo, Carlos González Principe, sobre os supostos casos de enchufismos no Concello de Vigo.

  Estes casos terían ocurrido nos últimos anos, sendo moitos deles “vox populi”, polo que CxG entende que tras a denuncia pública de Carlos Principe, persoa coñecedora dos movementos internos da propia organización local, aumenta a verosimilitude de terse realizado estas prácticas irregulares. Segundo Henrique Macías “Estas contratacións laborais non deben quedar amparadas por subterfuxios legais que vaian precisamente en contra do espíritu das leis, axudando a determinadas persoas a acadar un posto de traballo a través das Administracións públicas en contra dos principios de igualdade, mérito e capacidade”.

  Compromiso por Galicia tamén reclama aos dous partidos da oposición no Concello de Vigo, Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego, que non deixen pasar este tema sen esixir un pleno esclarecemento, e non sexan cómplices na continuación de prácticas caciquís convertindo a actividade política nunha empresa de colocación de postos de traballo co único mérito de ser militante ou familiar de militante dunha organización política.

  A sociedade viguesa non ten tido sorte cos seus políticos nos últimos anos creándose unha situacón de falla de credibilidade, malestar e desapego á política nunha boa parte da cidadanía. Por este motivo dende Compromiso por Galica chaman a unha rexeneración política, que renove tanto persoas como comportamentos na actividade política, que abra fiestras de aire limpo coa posta en marcha de listas abertas ou a aprobación da limitación de mandatos para impedir precisamente as tentacións de prácticas caciquís que conleva o poder.