Da man de Don Giovanni para analizar o mito de Don Juan na ópera

Analiza a vida e obra do compositor e reflexiona sobre as razóns polas que elixiu este xénero
Publicado por o día 22/01/2018 na sección de Universidade de Vigo

Da man de Don Giovanni para analizar o mito de Don Juan na ópera

Un profundo estudo musical e literario dos recursos que vertebran a ópera Don Giovanni de Mozart ao fío do mito do Don Juan. Así describe o investigador David Rodríguez a súa tese de doutoramento, un proxecto ao que dedicou varios anos de investigación e no que uniu música e literatura, as súas dúas grandes paixóns. “O meu obxectivo foi valorar dun xeito conxunto os mecanismos literarios e musicais que permiten vertebrar o mito donjuanesco nunha das súas manifestacións operísticas máis celebradas e, probablemente, na de maior calidade”, subliña Rodríguez.

Con esta investigación o autor procurou pois transitar pola zona de confluencia entre música e literatura co afán de responder do modo máis solvente posible á pregunta de como se materializou musical e literariamente o mito de Don Juan na ópera de Mozart. “Sen dúbida, neste campo quedan aínda aspectos por desvelar”, recalca Rodríguez, quen fai fincapé en que o estudo só pretendeu “profundar no coñecemento dunha xenial obra artística, das que maior éxito alcanzou tanto entre o público como entre a crítica, camiñando por un territorio de investigación complexo, pero fértil, que logrou enriquecer a nosa visión do obxecto de estudo con novas lecturas e tamén novos sentidos”.

Licenciado en Filoloxía Hispánica e docente de música no ensino secundario –IES Xesús Taboada Chivite de Verín-, Rodríguez defende que o teatro musical e, máis concretamente a ópera, é un dos medios artísticos máis adecuados para dar vida a Don Juan.

Percorrido panorámico pola historia do mito de Don Juan

A tese, dirixida pola profesora Carmen Becerra e defendida na Facultade de Filoloxía e Tradución, arranca cun breve percorrido panorámico pola historia do mito de Don Juan ata alcanzar o século XVIII. Examínase nela a súa evolución e as súas principais versións, tendo en conta a existencia na súa estrutura de trazos variantes e invariantes (o burlador, o grupo feminino e o morto) e as modificacións que cada reescritura opera sobre eles, producindo novos significados e orixinando distintas interpretacións do mito.

Revisado o mito de Don Juan o autor métese de cheo na análise das diferentes modalidades operísticas máis importantes do século XVIII coa finalidade de explicar as razóns que, ao seu modo de ver, explicaron que Mozart se decantase pola ópera bufa, protagonizada por personaxes de baixa extracción social con fins caricaturescos ou sociais e unha temática cotiá, e non pola seria, máis centrada en personaxes de alta clase social, con fins elevados e unha temática mitolóxica ou grave. Neste contexto, Rodríguez detense en fotografar as principais características da sociedade desta época, na que nace e vive Mozart para, deste xeito, entender as presións ás que o músico estivo sometido ao longo da súa curta vida –morreu con 35 anos-. “Fago un repaso á aventura vital do músico, as súas relacións familiares e, en particular, a peculiar vinculación co seu pai, que tantas pegadas deixou nas súas composicións, como acreditan todos os seus biógrafos”, recalca o investigador.

“Aria por aria, compás por compás”

“Aria por aria, compás por compás”, tal e como el mesmo recalca, o autor dedica un capítulo da súa tese a describir os principais procedementos compositivos, os xiros melódicos e harmónicos, a instrumentación seleccionada, as cores orquestrais escollidas, as formas musicais adoptadas… tratando de analizalos, interpretalos e relacionalos co significado que o mito de Don Juan adquire nesta ópera. A maiores, estudouse tamén o libreto, con todas as indicacións teatrais, os diálogos, os equívocos, os xogos de palabras, etc. “Así como o exame das invariantes do mito donjuanesco que mantén o heroe mozartiano para, deste xeito, descubrir os trazos singulares deste novo Don Juan”, recalca o investigador. Entre estes trazos singulares menciona, entre outros, a un dos protagonistas, Leporello, criado de Don Giovanni, “quen nesta versión brilla con luz propia”.

O último capítulo da tese contén unha panorámica das obras, tanto musicais como literarias, nas que se detectan con claridade as pegadas de Don Giovanni. “Aínda que é certo que a influencia exercida pola ópera mozartiana alcanza ata os nosos días, limitámonos a aqueles casos nos que tal influxo resulta evidente”, insiste Rodríguez, quen menciona autores Hoffmann, Chopin ou Beethoven.