Dálle as costas á gripe, vacinate!

Onte iniciouse a campaña, e un total de 12.116 persoas da área sanitaria de Vigo xa teñen solicitada a súa cita para acudir a vacinarse da gripe nos vindeiros días
Publicado por o día 23/10/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Dálle as costas á gripe, vacinate!

Un total de 12.116 persoas da área sanitaria de Vigo xa teñen solicitada a súa cita para acudir a vacinarse da gripe nos vindeiros días. A campaña de vacinación antigripal da Consellería de Sanidade que iniciouse hoxe durará dez semanas, polo que Sanidade lembra á cidadanía hai tempo suficiente para facela progresivamente.

Por segundo ano consecutivo, o comité de seguimento da campaña de vacinación antigripal da EOXI de Vigo levou a cabo unha serie de medidas co obxecto de promocionar a campaña entre a poboación diana e o persoal sanitario. Cabe subliñar a convocatoria da segunda edición do Concurso de Carteis e Lemas entre os traballadores dos centros sanitarios da área viguesa. O cartel
gañador resultou o realizado pola pediatra Rosalía Piñeiro, do centro de saúde de Teis, que foi presentado hoxe. Este cartel, que leva por lema “Dálle as costas á gripe, vacínate” será a imaxe promocional en Vigo durante e todo o tempo da campaña.

Segundo explicou a directora de procesos sen Ingresos e Urxencias da EOXI de Vigo, Elena Lorenzo -“temos que seguir desenvolvendo medidas proactivas e de reforzo, co obxecto de incrementar os índices de participación na campaña, xa que aínda que os datos de cobertura reflicten un incremento paulatino de cobertura, pasando do 50% hai tres anos ao 54% acadado na última campaña, segue sendo unha porcentaxe baixa. Hai que lembrar que o pasado ano na área viguesa rexistráronse 800 ingresos hospitalarios como consecuencia dun proceso gripal; un 6,1% deses casos debeu ingresar na UCI, e en 50 deles o desenlace foi fatal. Nunha maioría significativa de casos o elemento común era a ausencia de vacinación”-.

A directora da EOXI de Vigo reiterou que a vacina antigripal non só evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.

“Tamén este ano ofreceremos facilidades como o establecemento das axendas de citación especial para a vacinación, ou o achegamento do persoal sanitario aos centros de día para propoñer as vacinas aos maiores “in situ” e evitarlles os desprazamentos aos centros de saúde.” Na anterior campaña, os profesionais achegáronse a 46 centros da terceira idade. Outras das medidas xerais que se volverán a levar a cabo será o reforzamento na área de Vigo das chamadas telefónicas ao grupo de risco conformado polos maiores de 65 anos. Así, os profesionais de Enfermaría de Atención Primaria promocionarán a vacinación entre a terceira e cuarta semana da campaña, a todos aqueles pacientes entre 65 e 74 anos dos seus respectivos cupos que aínda non teñan recibido a súa dose, mediante un consello telefónico para explicarlles as necesidades e as vantaxes da vacina.

“O pasado ano, na área viguesa realizáronse10.000 chamadas e grazas a ese esforzo conseguiuse que un 13,60% por cento máis da poboación de risco tivese recibido a dose da vacina” -afirmou Elena Lorenzo.