Dan comezo as obras de ampliación e remodelación do servizo de urxencias do Hospital Teresa Herrera

Publicado por o día 10/04/2018 na sección de Sanidad

Dan comezo as obras de ampliación e remodelación do servizo de urxencias do Hospital Teresa Herrera
Hoxe deron comezo, co vaiado das áreas de acopios e contenedores, as obras de ampliación e remodelación dos case 1.300 m2 do servizo de urxencias do Hospital Materno Infantil Teresa Herrera co que se poderán atender mellor ás máis de 45.000 urxencias anuais nun lugar máis axeitado e con máis dispoñibilidade de alta tecnoloxía.
 
As obras do servizo de urxencias do Hospital Teresa Herrera, que contan cun presuposto de preto de 1,2 millóns de euros e un prazo de execución de 8 meses, responden a un dobre obxectivo: por unha banda, separar as urxencias de adultos das de nenos, e por outra ampliar toda a capacidade instalada neste hospital público para seguir facendo unha sanidade de calidade.
 
A remodelación e ampliación do servizo de urxencias, ubicado no andar semisoto do Hospital Teresa Herrera, realizarase en dúas fases, xa que a actividade cotiá non será interrompida mentres duren estas obras.
 
Na primeira fase, executarase a zoa de observación de adultos, ademais das consultas de urxencias e a sala de espera tamén de adultos, así como os novos aseos adaptados e a reforma da zoa de admisión de urxencias, celadores e triaxe. Este espazo ocupábano as consultas de oftalmoloxía antes de ser trasladadas ao Hospital Abente y Lago.
Nunha segunda fase, procederase á reforma das urxencias pediátricas, onde se ubicará a sala de observación de pediatría, as salas de exploración e control, así como a zoa de triaxe e as salas de sutura e iesos, as salas de consultas e a sala de espera das propias urxencias.

Estas instalacións colmarán sobradamente as ansiadas expectativas dos usuarios e profesionais xa que permitirán a abordaxe da patoloxía urxente de xeito global e multidisciplinar, colaborando con todos os médicos especialistas implicados no proceso e a través do que poderán desenvolver a súa actividade profesional mellorando extraordinariamente a súa organización.

A ampliación do servizo de urxencias do Hospital Teresa Herrera é unha infraestrutura fundamental para seguir configurando un servizo sanitario público galego de calidade.