Das antípodas ao campus

Visitaron tamén á Escola de Enxeñaría Forestal
Publicado por o día 06/10/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Das antípodas ao campus

Nun percorrido por diferentes puntos da xeografía española, preto de 40 estudantes de bacharelato neozelandeses, procedentes do Western Heights High School da cidade de Rotorua, visitaron na tarde deste xoves a Casa das Campás. Os e as estudantes foron recibidos cun kia ora, ola en maorí, polo vicerreitor do campus, Jorge Soto. Tras agasallar aos anfitrións con dúas danzas tradicionais maorís, este grupo de alumnas e alumnos, chegados a Pontevedra ao abeiro dun intercambio co IES Luís Seoane e que cursan estudos de castelán no seu instituto, participaron na sede da Vicerreitoría nun coloquio co escritor e profesor Manuel Lourenzo, autor precisamente duns dos libros que empregan como material de lectura nas súas clases. O coloquio, centrado tanto na traxectoria literaria de Lourenzo como na propia cidade de Pontevedra, viuse precedido nesta xornada por unha visita á Escola de Enxeñaría Forestal por parte deste grupo de estudantes. “Entendemos que internacionalizar a Universidade e poder recibir estudantes doutras partes do mundo entronca directamente coas nosas políticas de captación”, salientou Jorge Soto repespecto dun acto que “definiu moi emotivo” e que se completou coa entrega duns agasallos a este grupo de alumnos e alumnas, así como á profesora que lles acompañaba e a docente que coordinou esta visita, Carmela Vidal.

Na Escola de Enxeñaría Forestal, este grupo de estudantes neozelandeses participaron, xunto a alumnado de institutos pontevedreses, nun percorrido polo centro completado coa realización na Illa das Esculturas “dunha serie de xogos que teñen que ver coa aplicación de técnicas de inventariado forestal”, como explica o director do centro, Juan Picos. Escola á que a comitiva neozelandesa agasallou cunhas pezas de madeira de kauri (Agathys australis), “a árbore sagrada maorí, unha especie emblemática de Nova Zelandia”, que se incorporan a xiloteca do centro.