Das aulas ao hospital para dar apoio aos pacientes oncolóxicos

Co obxectivo de incrementar o voluntariado universitario que xa participa nesta iniciativa
Publicado por o día 20/02/2018 na sección de Sanidad,Universidade de Vigo

Das aulas ao hospital para dar apoio aos pacientes oncolóxicos

Irene Vázquez e Laura Taboada son alumnas de Educación Social na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Porén, desde hai pouco máis dun ano, as mañás dos xoves dedícano fóra das aulas a algo que se ten convertido para elas nalgo moi especial: ser voluntarias da Asociación Española contra o Cancro no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Alí percorren as áreas de oncoloxía co “carriño don amable” ofrecendo un café, un sorriso e sobre todo moita compaña e apoio a pacientes con cancro. Este martes elas foron dúas das persoas que se puxeron mans á obra no campus para buscar novos voluntarios e voluntarias para esta iniciativa.

Co obxectivo de dar a coñecer os programas de voluntariado hospitalario da Asociación Española contra o Cancro en Ourense e máis concretamente a iniciativa do “carriño don amable”, a entidade colocou este martes no Edificio de Ferro un posto informativo no que todas as persoas interesadas puideron ver in situ un destes carriños, coñecer de primeira man a experiencia de voluntarias tanto novas como veteranas que participan nesta iniciativa e recibir información das actividades desta asociación. “Canta máis xente sexamos mellor. Sempre nos fan falta novos voluntarios e voluntarias, porque aínda que hai días que temos catro ou cinco hai días, por exemplo o mércores pola mañá, que nos falta xente”, comenta Belén Pérez, educadora social encargada da oficina da Asociación Española contra o Cancro no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

O “carriño don amable”, sinala esta educadora social, é unha iniciativa de carácter internacional que se puxo en marcha en Ourense hai xa unha década adoptando este nome e sendo pioneiro no contexto galego. Como puideron coñecer as persoas interesadas este martes no campus, o carriño pretende ser “un instrumento de achega, apoio e ruptura co ambiente hospitalario para aquelas persoas que se atopan nas plantas de oncoloxía, consultas e hospitais de día onde reciben tratamento”. Os voluntarios e voluntarias, previa formación, achéganse cos seus carriños a ofrecerlle a estes pacientes e os seus acompañantes, en horario de mañá de luns a venres e de xeito gratuíto, cafés, infusións, caramelos, revistas e outros elementos de ocio pero “sobre todo un sorriso, compaña e orientación”.

Aprendendo da experiencia

“Escollemos este voluntariado porque era onde menos xente se animaba a ir. Ir ao hospital é algo do que as persoas tenden a evitar sempre que poden e a nós pareceunos interesante poder axudar ás persoas que teñen cancro”, comenta Irene Vázquez. “Nós levamos un ano facendo este voluntariado a través da Universidade entón o noso traballo consiste en darlle acompañamento. As veteranas dan ademais orientación e asesoramento”, comenta Laura Taboada. As dúas futuras educadoras sociais sinalan como desta experiencia “aprendemos moito no humano pero tamén no profesional”, facendo fincapé na relación entre os seus estudos e esta aprendizaxe.

Entre as máis veteranas en levar o “carriño don amable” están Carmen López, Felisa González e Pepa Pereira, que xa contan tras de si moitos anos de experiencia e moitos pacientes aos que acompañaron no seu paso polo hospital. Deste iniciativa, Carmen López salienta como lles permite “poder ser útiles á sociedade” e sobre todo “rachar a monotonía dos pacientes”. “Entras co carriño e xa levantan a cabeza do seu mundo. Rompémoslle por un anaco a monotonía de estar pensando continuamente na súa enfermidade. Os que xa nos coñecen están desexando que cheguemos para distraerse un anaco mentres agardan para ser atendidos”, comentan as voluntarias máis veteranas. Pola súa boa experiencia, elas tamén coinciden en animar ao alumnado universitario a participar do xeito que poida nesta iniciativa. “Ás veces o que necesitamos é algo tan concreto como alguén que saiba traducirnos ao inglés, porque se trata de pacientes estranxeiros”, sinalan as voluntarias. Por este motivo, animan ao alumnado universitario a pórse en contacto coa delegación en Ourense da Asociación Española contra o Cancro e buscar o xeito de contribuír a mellorar a vida das persoas con esta enfermidade.