David Bruzos: “O domingo entraremos En Marea no Goberno do Estado e posteriormente no Parlamento galego para quitar de aí toda esa borralla”

Publicado por o día 16/12/2015 na sección de Elecciones Generales,En Marea,Política

David Bruzos: “O domingo entraremos En Marea no Goberno do Estado e posteriormente no Parlamento galego para quitar de aí toda esa borralla”

Carmela Docampo: “As enquisas din que hai remontada pero aquí hai unha marea que desborda. O bipartidismo xa é historia”

En Marea encheu de ilusión e “fame de cambio” o Auditorio Municipal de Ourense.  A número 2 por En Marea, Sofía Díaz, foi a encarga de presentar o acto e a intervención da concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, que agradeceu a presenza porque significa “ilusión, esperanza e rebeldía”.  “Pódese xestionar doutro xeito e temos exemplos aquí mesmo como Martiño Noriega que está devolvendo a Compostela a dignidade que se merece a capital galega; a Xulio Ferreiro que se senta co seu equipo de goberno nun auditorio de veciños que lle fan preguntan e dá a cara; e a Jorge Suárez que é ese alcalde do que sentirse orgullosa porque se parece ó pobo” asegurou Ledicia Piñeiro. “En Marea vai de abrir fendas polas que entremos todas as vítimas. A fenda que abriron os alcaldes rebeldes e imos entrar todas detrás de David Bruzos” rematou.

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, falou da súa cidade “a máis deprimida de toda Galicia con cifras record de paro, de pobreza, de exclusión social e con perspectivas son negras, pero desde maio nas caras da xente percibo a ilusión do cambio”. Suárez rematou cunha lembranza para Sari Alabau, que loitou conta o franquismo, sufriu cadea, e agora cando a vexo no Concello ten un sorriso nos seus beizos”. “Adiante, o domingo todas e todos a votar en Marea e polo cambio do réxime”.

Continuou falando o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que comezou dicindo:  “Eu son Xulio, un rapaz da Coruña e coma quen dis, un mareante. Nacín neste tempo político liderado pola ilusión, a rebeldía coa xenerosidade de moita xente que dentro das súas organizacións entenderon o que, o como e o cando. Parabéns por chegar En Marea ás eleccións do domingo”.

Na Coruña e en Ourense protagonizamos proxectos políticos irmandados afirmou Ferreiro. A candidatura de En Marea sabe do código aberto dos movementos sociais, do activismo e iso é fundamental agora que estamos tratando de levar ás institucións o que faciamos antes na rúa. “Moitas das cousas que fixemos para chegar a maio fixémolas xuntos. E fíxemolo así porque entendiamos que para construír democracia había que traballar dende abaixo. E facémolo en rede con todas as cidades rebeldes do Estado. Non se pode rivalizar, temos que compartir” continuou.
Como exemplos Xulio Ferreiro sinalou o feito na Fegamp, “onde fomos quen de plantarlle cara ás tres patas do réxime demostramos que hai unha forma nova de facer política en Galicia”. “Un país, cen mil mareas. Cada unha coas súas particularidades. Ese arquipélago de mareas reconciliarnos co que fomos. Hoxe esa Galicia rebelde está aí e o domingo vaise notar. En xaneiro Galicia terá por primeira vez na historia un grupo parlamentario de seu” asegurou.

“O medo cambiou de bando, levantamos unha onda de ilusión onde antes só había recortes e proxectos de vida rotos” declarou o alcalde herculino. Hoxe en moitas vilas de Galicia hai un novo xeito de gobernar. Hoxe xa non é a política igual en Ourense porque existe Ourense en Común. “Sen eles non habería unha mesa de mobilidade e non se estaría poñendo a lupa da política sobre a cidadanía. Porque sen nós nas institucións só hai zonas de sombra, coma ofrecer traballo a cambio de sexo” denunciou. “ Imos votar con fame porque non nos vai chegar con ter un presidente con coleta en Madrid, imos querer máis, a Xunta de Galicia. Porque en Ourense, na Coruña, en Galicia, para a xente… hai marea!” rematou Xulio Ferreiro.

O seguinte en tomar a palabra foi o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega. “Boa noite terra da chispa! Cando pensas en tantos renuncias persoas e te atopas auditorios ateigados coma este, dicimos: paga a pena” arrancou Noriega que continuou facendo un recoñecemento a David Rodríguez, o alcalde de Manzaneda, que “leva anos practicando a dignidade no seu pequeno pobo”. “O mundo dos tristes vaise esfarelando. Percorremos o país para reivindicar outra sociedade máis xusta. E dixéstesnos que foramos xenerosos ata construír En Marea, esta policromía de dignidade, de xénero, de país, de xustiza social e de natureza” explicou o alcalde de Compostela.

Noriega advertiu que “non podemos infravaloralos, son inimigos terribles, unha matrioska que leva construíndo ese mundo perfecto durante décadas, xente disposta a facer calquera cousa por manter os seus privilexios. E cando perden practican a democracia de baixa intensidade, como fan en Compostela”.

No seu discurso o alcalde compostelán referiuse tamén a Ciudadanos animando a non caer na trampa e “que non nos vendan por novo algo que cheira a vello, que non nos coloquen un Albert Rivera dicindo que é nova política”. “Impugnemos o fondo e digamos que queremos un debate de procesos constituíntes, defendamos a diversidade diante da súa uniformidade” dixo.

Martiño Noriega asegurou que “vai acontecer algo moi importante e podemos gañarlles e derrubar o seu mundo perfecto” para o que “temos que coller un barril de licor café e chimparllo á Marea para colocala en Madrid. Bye bye Baltar, Feijóo, Mariano. Imos a gañar. Estamos en marea. Hai marea!” concluíu.

A número 3 ao Congreso por En Marea Ourense, Carmela Docampo, declarou que “esta provincia necesita deixar de ser pobre, crear emprego para fixar poboación para que a xente nova non teña que emigrar”. Para iso En Marea vai que derrogar as reformas laborais do PSOE e do PP para que os nosos fillos poidan desenvolver as súas capacidades na nosa terra. “Eu teño dous fillos e os dous tiveron que emigrar, igual que súa nai e a súa avoa. Non son aventureiros como di Rajoy. Marcharon porque neste país non atopan traballo para ser independentes e vivir con dignidade” confesou Carmela Docampo. “É duro marchar, pero tamén é duro volver. Aquí vivimos nunha provincia de caciques, onde o presidente da deputación acaba de restituír o dereito de pernada. A xustiza está feita por eles e para eles por iso temos que reformar a xustiza para que estea ó servizo dos cidadáns e non dos que mandan. desterrar o machismo, porque sen dereito ás mulleres non hai cambio. Non podemos permitir que nos sigan asasinando polo feito de ser machista. É un problema estrutural de Estado” declarou Docampo. “As enquisas din que hai remontada. Aquí hai unha marea que desborda. O bipartidismo xa é historia” afirmou Carmela Docampo.

O coordinador nacional de Anova e voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, lembrou que no mes de maio houbo 70 candidaturas de unidade popular en Galiza, “agora a marea galega vai encher cara o leste, vai pasar por riba dos tesos cumes de Uxío Novoneyra, por riba da Asturica Augusta e vai chegar á Moncloa”. “Onte tivemos o debate máis esperpéntico cos dous esperpentos botándose baldes de bosta dun lado para o outro. Se Curros resucitase volvería compoñer O divino sainete  e poñer de novo este retrouso en boca de Deus: Se esa é a España que eu fixen, que o demo me leve” lamentou Beiras.

As mareas da democracia real, esa marea vai construír algo que se poida chamar España ou os países que queiran confederarse. Sempre somos os mesmos, xeración tras xeración, os que tentamos construír un espazo habitable, de convivencia fraternal, no territorio que Salvador Espriu denominou ‘La pell de brau’” salientou o portavoz de AGE. Na súa ollada á historia lembrou a alianza do Partido Galeguista no 36 coa Fronte Popular. “Nesas eleccións foi candidato por Ourense Alexandre Bóveda, que meses despois foi asasinado polos fascistas en Pontevedra. Esta historia hai que tela presente porque todos vimos de aí” lembrou.

“Este pobo continuou loitando aínda coas institucións gobernadas por forzas de ocupación. E o pobo en loita, cos labregos, a xente do mar, os traballadores do naval é o exemplo de que só os cidadáns organizados en autodefensa están exercendo a dignidade e recuperando o que nos foi roubado á nosa xeración na estafa da Transición. Por iso para min é unha ledicia inmensa e conmovedora o que levo vivido nestes últimos meses dende o proceso das municipais. Esa conxugación da xeración derrotada e a xeración emerxente que vai darlle fin ó réxime da segunda restauración bubónica é En Marea” concluíu Xosé Manuel Beiras a súa intervención en Ourense.

O cabeza de lista ao Congreso por En Marea en Ourense, David Bruzos, lembrou os anos de loitas por facer deste un mundo máis xusto. “Ourense naceu nunha encrucillada que decidiu un emperador romano e na que seguimos. Agora temos na man seguir dándolle o poder as elites ou facer un cambio radical para que todas as persoas teñan un salario digno” explicou.

“Unha sociedade na que as persoas se quedan atrás é unha sociedade enferma” aclarou. Bruzos agradeceu “ás persoas que levades moitos anos loitando polos servizos públicos, os que loitades na rúa contra os desafiuzamentos, polos que loitades porque non se acabe co noso patrimonio cultural”.

O vindeiro domingo será a entrada de En Marea no goberno do Estado, e posteriormente no Parlamento galego “para quitar de aí toda esa borralla”. “Imos loitar todas xuntas polas maiorías sociais para que non se nos exclúa. Teñen medo pero a nosa loita xa a gañamos, porque a gañamos todos os días” concluíu o cabeza de lista por Ourense.

PRENSA EN MAREA