De 1921 a 2021, a Universidade celebra un século de estudos mercantís e empresariais en Vigo

Reitor e alcalde destacaron a importancia dunha escola pola que pasaron xa máis de 20.000 estudantes
Publicado por o día 15/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

De 1921 a 2021, a Universidade celebra un século de estudos mercantís e empresariais en Vigo

Polas súas aulas pasaron xa máis de 20.000 alumnas e alumnos, moitos deles e delas convertéronse co tempo en destacados profesionais do tecido empresarial e industrial galego e outros tantos ocuparon e ocupan postos de moi diversa responsabilidade en empresas e institucións no ámbito local, autonómico e nacional. A outrora Escola Pericial de Comercio, agora Escola Universitaria de Estudos Empresariais e, en breve, Facultade de Comercio, inaugurou este venres as celebracións do seu centenario rememorando o seu primeiro Claustro, xuntanza que tivo lugar o 15 de xaneiro de 1921. Xusto cen anos despois a escola celebra esta data convertida nun referente, embrión, xunto coa súa veciña escola de Enxeñería Industrial, da actual Universidade de Vigo, entidade que este ano porá todo o seu empeño en celebrar esta data tal e como se merece un centro que foi gañando protagonismo e prestixio a medida que Vigo se foi tamén convertendo no motor industrial e comercial de Galicia.

O reitor, Manuel Reigosa; o alcalde, Abel Caballero, e a actual directora da escola, Consuelo Currás enfatizaron neste acto a importancia dun centro que foi e é fío condutor da cidade, tal e como recalcou o reitor na súa intervención. Xunto a eles estiveron tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o que foi primeiro reitor da Universidade de Vigo, Luis Espada, e algúns dos docentes que dirixiron a escola, entre eles as dúas persoas que precederon no cargo a Consuelo Currás: María del Pilar López Vidal, que exerceu de 1993 ao 2000, e Patricio Sánchez Bello, que  chegou ao cargo no ano 2000 e foi a principal cabeza visible da loita desta escola por implantar o Grao en Comercio en substitución da antiga Diplomatura en Ciencias Empresariais.

 Entre as lembranzas do pasado e os retos futuros

Tras apertura do acto por parte do reitor, Consuelo Currás fixo un percorrido pola historia do centro dende a súa creación ata a actualidade, unha traxectoria temporal na que destacou, sobre todo, o papel que xogaron todas aquelas persoas que “co seu traballo, co seu esforzo e o amor polo ben feito e, sobre todo, polo seu compromiso coa Universidade, a sociedade e a súa xente” loitaron porque a escola mantivese e manteña un proceso de mellora continua. “A traxectoria vital da nosa escola amosa que sempre foi un centro dinámico, flexible e con gran capacidade de adaptación como o demostran os diferentes trocos aos que se viu sometida e que representan fitos históricos na súa andadura vital”, recalcou Currás.

Despois deste repaso histórico realizado pola directora, a secretaria da escola, María Jesús Barsanti, continuou esta particular viaxe no tempo botando a ollada a ese 21 de xaneiro 1921 coa lectura da acta do Claustro constituínte da Escola de Comercio, presidido polo catedrático José Benítez Galán, primeiro director da escola e no que se acordou o inicio das clases do curso 1920-1921, con 70 estudantes matriculados, para o 17 de xaneiro.

Situándose nos anos vinte iniciou a súa intervención o catedrático emérito Antonio Vaamonde, que, tras corenta cinco anos como docente da escola –de1983 a 1985 exerceu o cargo de director-,  foi o encargado de pór voz no acto ao profesorado e persoal do centro. Ao igual que Currás, na súa intervención Vaamonde realizou unha pequena viaxe no tempo, entre a lembranza do que foi historicamente a Escola de Comercio, “e o seu papel na formación dos que serían xestores e administrativos das empresas de Vigo”, e unha ollada ao futuro previsible, “no que a Facultade de Comercio ten a obriga de adiviñar os camiños dun cambio acelerado e formar axeitadamente aos profesionais que se van precisar”. Nesa viaxe ao pasado, o catedrático  lembrou como no Vigo da década de 1920 aínda non existía o RC Celta e a rúa do Príncipe acababa de ser lastrada. “Galicia era maioritariamente rural, pero en Vigo xurdiran xa varios centenares de empresas, maioritariamente relacionadas co mar, o sector naval  e as conserveiras”, lembrou Vaamonde, quen fixo fincapé en que todo ese tecido empresarial precisaba de persoal cualificado para a súa xestión e, neses intres, “a cidade non contaba aínda nin sequera con ningún instituto de ensinanza media”. Finalmente conseguiuse a escola e, a partir de aí, “todas as empresas contaron con directivos saídos destas aulas”. Como retos futuros destacou a necesidade de seguir avanzando cara a docencia virtual, “tal e como nos está ensinando a pandemia” e de adaptarse a cambios que xa poden verse de xeito claro como o dominio absoluto do comercio electrónico e dunha industria cada vez máis automatizada.

En representación do alumnado interveu Arame Taboada, que, como delegada e alumna da escola, quixo pór en valor a palabra evolución, evolución que, ao seu xuízo, non podería terse levado a cabo, sen as profesoras e profesores, “os que xa pasaron e os que están actualmente na escola”, así como polos diferentes equipos de dirección, o persoal de administración “e os exalumnos e alumnas que, no seu conxunto, fixeron que este centro conte con fama e prestixio a nivel nacional”.

Unha escola marcada pola “loita constante e a mellora continua”

As intervencións do reitor e do alcalde foron tamén unha auténtica loanza para a escola. Pola súa banda, Manuel Reigosa quixo remarcar a estreita unión entre a historia da escola e a da propia cidade. Ao seu xuízo, ambas están marcadas por dous feitos: a loita constante e a mellora continua. Esa mudanza continúa que caracteriza a escola permite “mirar ao pasado con satisfacción e ao futuro con ilusión”, un futuro no que, en resposta ao profesor Vaamonde, haberá que prestar máxima atención á docencia non presencial, “tentaremos sacarlle o máximo partido”, apuntou Reigosa, quen admitiu que o previsible descenso poboacional “fará cada vez máis necesario atraer estudantado doutras latitudes, sobre todo, por evidentes cuestións de afinidade lingüística, de Latinoamérica”. Neste sentido, o reitor explicou como este ano a Universidade conta xa cun grao cen por cen virtual –Administración e Dirección Pública no campus de Pontevedra- e como esta escola leva xa anos impartido títulos cun forte compoñente de virtualidade, referíndose neste caso, aos dous mestrados que se imparten no centro: Comercio Internacional e Dirección de Pemes, aos que a curto prazo se unirá tamén o título de Negocio Dixital.

Pola súa banda, Abel Caballero fixo un paralelismo entre a situación actual e a vivida en 1920 “cando xusto acababa de terminar a anterior pandemia que viviu a humanidade” e cando a cidade “en plena revolución industrial” necesitaba novos profesionais capaces de adaptarse ás novas necesidades empresariais. “Este centro significa unha forma de entender a cidade, de adaptación permanente e de entender e adaptarse aos cambios económicos e sociais”, explicou Caballero, quen tamén remarcou a importancia doutro ano, o 1990, data de creación da Universidade de Vigo, da que a escola pasou a formar parte.

Placa conmemorativa e múltiples actividades de celebración ao longo de todo o ano

Este inicio dos actos de celebración do primeiro século de existencia da escola, que ademais de ser presencial con moi reducida presenza de público, foi retransmitido telematicamente, continuou no exterior do centro co descubrimento dunha placa de bronce conmemorativa desta data no acceso que distingue ao edificio histórico como emblema da arquitectura racionalista da cidade.

Logo deste primeiro evento conmemorativo e ao longo dos vindeiros meses, a dirección da nova Facultade de Comercio programou diversas exposicións de documentación histórica e de publicacións salientables de membros da facultade; un concurso de fotografía; xornadas con conferenciantes e mesas redondas; actividades organizadas polo alumnado e pola asociación Mercurio; así como sesións de portas abertas e celebracións con distintas promocións de alumnado que pasou pola escola, así como con profesorado e persoal, tanto actual como antigo. Trátase de facer unha posta en común de recordos, anécdotas, imaxes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.