De cando unha carreira costaba 43.000 pesetas e subir ao CUVI era unha odisea

Publicado por o día 24/01/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

De cando unha carreira costaba 43.000 pesetas e subir ao CUVI era unha odisea

Tal día como hoxe hai 30 anos, publicábase no DOG o Decreto 3/1990 de 11 de xaneiro, que establecía a segregación dos centros e servizos da Universidade de Santiago de Compostela con todos os seus medios materiais e humanos e a súa integración nas recentemente creadas universidades de Vigo e A Coruña. Completábase así o deseño do novo Sistema Universitario Galego, que vira a luz en xullo de 1989 coa creación das universidades de Vigo e A Coruña, aínda que xa finais do ano 1987 e co obxectivo de ir descentralizando funcións, a Xunta de Goberno da Universidade de Santiago creara a Delegación do Reitor no campus de Vigo-Pontevedra, cargo que recaeu en Luis Espada Recarey. “A Reitoría da UVigo sempre se opuxo a esa forma de segregación, na metade do curso académico 1989-1990, pois debería ser un proceso programado con tempos de execución para ir alicerzando unha universidade que nacía sen Reitoría, sen PAS e sen servizos de xestión administrativa”, lembra Luis Espada, que en setembro de 1989 sería nomeado primeiro reitor da Universidade de Vigo e para quen “desde o comezo, os xestores da Universidade de Vigo guiáronse pola busca do éxito, que consistía, simplemente, en vencer o temor o fracaso”.

Catro anos antes do nomeamento por decreto de Luis Espada como primeiro reitor da Universidade de Vigo, no curso 1984-1985, un bolseiro de FPU presentábase, “renunciando a varios meses de contrato” a unha praza de encargado de curso no Colexio Universitario de Vigo (CUVI). Ese bolseiro era Manuel Reigosa Roger, o actual reitor da Universidade de Vigo, que botando a vista atrás explica sobre a súa chegada á Universidade de Vigo que “non dubidei en presentarme. A oportunidade de explicar fisioloxía vexetal en Vigo non a podía deixar pasar!”. Reigosa fora ademais un dos asinantes da solicitude colectiva para a creación dunha universidade no sur de Galicia, promovida na década de 1970 polas asociación de pais de alumnos do sur de Galicia que fixeron público o informe titulado Vigo reclama una Universidade para el Sur de Galicia. O estudo, que denunciaba o monopolio universitario santiagués e o agravio que nese intre sufría o sur de Galicia, respecto doutras zonas que con menor poboación dispuñan de universidades de seu, foi quen de activar unha corrente que permitiu conxugar as forzas políticas, académicas e sociais precisas para alumear, pasados once anos, a Universidade de Vigo e facer posible “un desenvolvemento que era de capital importancia para as cidades e para a industrial local”, asegura o actual reitor da Universidade de Vigo, que botaba a andar o curso da súa segregación da USC con 11.524 estudantes (8769 en Vigo; 1830 en Ourense e 925 en Pontevedra) e un orzamento, aprobado en Xunta de Goberno en xuño de 1990 que ascendía a 2918 millón de pesetas, o que equivalería a un valor actual de 38,2 millóns de euros. Unhas cifras que distan moito das rexistradas no curso actual 2019-2020, no que o número de estudantes supera os 20.100 e os orzamentos chegan aos 195 millóns de euros.

Trinta anos de evolución institucional e humana

Tralo seu paso por un apartamento de 70 m² no antigo Gran Hotel da rúa Policarpo Sanz de Vigo, e polo edificio Cambón do Casco Vello, a primeira Reitoría da Universidade de Vigo abría as súas portas en 1991 no inmoble antigamente ocupado polo Goberno Militar na rúa Porto. Non sería ata o ano 2003 que a Reitoría se traslada a un edificio de seu no actual campus, cambiando a súa localización no ano 2018, cando o actual reitor, Manuel Reigosa, decide instalar o seu despacho no edificio Egeria. “Cando se crea a Universidade de Vigo había moitas carencias a todos os niveis: pouco persoal docente e investigador, poucos e mal dotados laboratorios, escasezas orzamentarias repetidas. A situación era moi diferente á existente no campus de Santiago, pero había unha grande ilusión por participar na construción dunha nova universidade, e un excelente contacto entre profesorado e alumnado”, lembra Reigosa, que estudara o primeiro curso de Bioloxía na antiga Escola de Peritos e entre os cursos 1984 a 1990 exerceu como profesor da USC en Vigo. Dos primeiros anos da institución, Espada asegura que “ante a opinión pública abríanse unhas expectativas idealizadas de máis e a complexa estrutura de calquera universidade comporta un grande número de necesidades que ficaron sen satisfacer na hora da segregación, como os servizos centrais de xestión administrativa, déficit de profesorado e infraestruturas… Por iso, os retos durante os meses iniciais orientáronse a alicerzar e configurar esta universidade coa elaboración de normas de funcionamento, regulamentos, comisión de traballo… que permitisen superar as dificultades”, explica o ex reitor, que destaca, entre outras datas salientables da organización institucional, a constitución do primeiro Claustro en abril de 1991 ou a aprobación dos Estatutos en xaneiro de 1992.

Nestes 30 anos foron seis os reitores que estiveron á fronte da institución: tras Luis Espada (1989-1994), tomaron a remuda José Antonio Rodríguez (1994-1998); Domingo Docampo (1998-2006); Alberto Gago (2006-2010); Salustiano Mato (2010-2018) e Manuel J. Reigosa (2018-á actualidade). En canto ás e aos integrantes da comunidade universitaria, estes medraron progresivamente nestas tres décadas, tanto no referido ao alumnado, con máis de 11.500 estudantes no curso 1989-1990, ata os máis de 20.000 no presente 2019-2020. Pola súa banda, o PDI pasou dos 431 aos 1400 actuais. Mentres que o PAS, que en 1990 contaba con 142 efectivos, acada preto de 800 este curso.

Nove titulacións desde 43.000 pesetas

43.882 pesetas costaba a matrícula dun curso completo en 1989-1990 para estudos de 1º e 2º ciclo, no caso das carreiras que non eran de Ciencias, Belas Artes, Enxeñaría e Enfermaría, cuxo prezo acadaba as 62.162 pesetas. Nove titulacións conformaban a oferta inicial da Universidade de Vigo, que a finais de 1989 e froito das negociacións dos tres reitores coa Consellería de Educación viu reforzada a súa oferta académica cunha decena de licenciaturas (Belas Artes; Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; Dereito; Ciencias do Mar; Dereito Económico- Empresarial e Tradución e Interpretación), diplomaturas (Enfermaría de Ourense) e enxeñarías (Técnica Forestal en Industriais Forestais; Técnica en Informática de Xestión e Minas). Pasados 30 anos, e tras un proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EES) desenvolvido a principios da década dos 2000, na actualidade son 61 os graos, 65 os mestrados e 39 os programa de doutoramento, os que se imparten nos 22 centros propios e seis adscritos que conforman os campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. “Neste período, o perfil das persoas tituladas da UVigo pasou de estar integramente constituído por egresados de titulacións de ciclo curto (56.8%) e longo (43.2%), a unha maioría de graduados (53%) e de titulados en mestrados ((29.5%). A capacidade de adaptación a este cambio mostra que estamos ante unha universidade dinámica”, sinala Espada Recarey. Así mesmo, co obxectivo de completar a formación do alumnado, a institución foi ampliando progresivamente os acordos con empresas e institucións para a formación pre-profesional, de modo que nos últimos anos máis de 4000 estudantes realizan cada curso prácticas tanto curriculares como extracurriculares.

Partindo no caso de Vigo de dous inmobles na rúa Torredeceira e do, denominado durante anos, Colexio Universitario de Vigo (CUVI) que se rematara de construír en 1977 en Lagoas- Marcosende; no de Ourense dun Colexio Universitario e no de Pontevedra da rehabilitación do cuartel de San Fernando e da expropiación de terreos en A Xunqueira, o desenvolvemento dos tres campus da Universidade de Vigo foi un proceso longo e complexo, en non poucas ocasións. O primeiro reitor da institución académica viguesa lembra que se partiu dunha situación na que aspectos básicos como a accesibilidade, o ordenamento urbanístico das áreas onde radican os campus, o transporte ou o saneamento eran materias pendentes, “que o positivo labor dos diferentes reitores que me sucederon na dirección da UVigo conseguiron superar largamente”. O propio Reigosa, pola súa banda, asegura lembrar a sorpresa polo lonxe que estaba o campus de Vigo, para afirmar que, co paso do tempo, “algo temos mellorado en canto a vías de transporte e transporte público, pero daquela era unha odisea subir e baixar todos os días”.

100 grupos de investigación e o Ranking de Shanghai

O ano da súa segregación a Universidade de Vigo contaba con pouco máis dun centro de grupos de investigación, que xa superaban os 250 no ano 2000 para, logo dun proceso de concentración de potencialidades, reducirse ata os 176 actuais. Nestas tres décadas, o traballo desenvolvido a prol da especialización no ámbito da I+D+i traduciuse na posta en marcha do campus de excelencia internacional Campus do Mar, así coma a do Campus Crea, Campus da Auga e o Vigo Tecnolóxico. Catro centros de apoio á investigación (CACTI, CITI, MTI e Ecimat), tres centros de investigación (atlanTTic, CIM e Cinbio), 47 departamentos e 140 áreas de coñecemento, integran un ecosistema, que permitiu á Universidade de Vigo, en 2011 por vez primeira, entrar no Ranking de Shanghai como unhas das 500 mellores institucións de educación superior do mundo. Neste sentido, Espada destaca que “as tres principais entidades (ARWU, THE e QS) que analizan 17.000 universidades dos cinco continentes concordan en situar no seus rankings a Vigo entre as 550 primeiras, un índice alto, xa que a primeira universidade do sistema universitario español ocupa o posto 200, ademais de que, por outra parte, tamén sitúan á nosa universidade no grupo das 100 primeiras institucións académicas do ensino superior creadas nos últimos 50 anos”.

A universidade que en 1992 investía a Francisco Fernández del Riego como o seu primeiro Doutor Honoris Causa, foi quen de acadar 27 anos despois en convocatorias competitivas máis de 60 proxectos de investigación por un importe de case 18 millóns de euros, outros tres millóns en axudas para infraestruturas e asinar 600 contratos de I+D por valor de case seis millóns de euros.

Un positivo balance de 30 anos coa vista posta no futuro

Pasadas tres décadas desde a súa segregación, o actual reitor da Universidade de Vigo considera que “nunca podemos estar satisfeitos co grado de consecución de obxectivos, porque a medida que imos conseguindo logros, hai que plantexarse outros máis difíciles”, aínda así para Reigosa, “somos unha institución que xera confianza, que inflúe na súa contorna de xeito positivo, que forma axeitadamente aos egresados e que traballa fortemente na transferencia. Así que globalmente podemos estar satisfeitos, os cidadáns poden estar satisfeitos, do traballo realizado”. No mesmo sentido apunta a valoración de Espada Recarey destes 30 anos cando asegura que “se o verdadeiro progreso consiste en renovarse continuada e paulatinamente a UVigo foise consolidando devagariño e co esforzo de todos. E son moitos e moitas os que  traballaron e traballan para mellorar as súas estruturas con criterios construtivos, pois non ten futuro unha universidade que non ofrece calidade. No caso da Universidade de Vigo, a sociedade está orgullosa dela”.

Ambos os dous reitores tamén concordan nalgúns aspectos da súa análise de cales son os retos de futuro que enfronta a institución. Así, para Reigosa a captación de alumnado, combinada cun maior grao de internacionalización, “permitirá non perder pulo cando se acheguen os tempos de maior caída demográfica no país”. Doutra banda, a captación de talento para a renovación dos cadros de persoal é para o actual reitor unha necesidade perentoria para “a que nos estamos preparando para que esa renovación sexa o máis correcta posible e non se produzan descontinuidades nos departamentos e haxa que reinventarse por completo”. Pola súa banda, Espada incide na obriga da universidade de ser un factor de transformación e progreso social, así como “sermos unha universidade que oferte calidade na docencia, investigación e na prestación de servizos ás persoas que forman a comunidade universitaria”. Un horizonte de calidade académica no que acción académica e social da universidade, entende Espada que non se debe limitar ao período no que o alumnado se está a formar, “senón que se debe estender tamén aos xa formados e atender á comunidade das persoas tituladas, o noso principal produto social, e para o que no ano 2016 se puxo en marcha, coa colaboración do Consello Social, o Observatorio de Persoas Tituladas”, sinala o primeiro reitor da Universidade de Vigo.

Fotos

Bonet Correa percorreu o urbanismo universitario na primeira lección do curso. Acto de apertura curso 2004-05

Inauguración da Estación das Ciencias Mariñas. O primeiro campus do océano

La Fura escenifica o fluir constante dos coñecementos sobre a súa particular óptica dunha “Mámoa” na Cidade Universitaria

Comentar noticia

Your email address will not be published.