De Chile a Ourense para potenciar a investigación en acuicultura

As intervencións estiveron centradas en biotoxinas e algas
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

De Chile a Ourense para potenciar a investigación en acuicultura

Este martes a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu a primeira xornada que este curso académico organiza a rede Aqua-Cibus, liderada desde este centro polo catedrático Jesús Simal. Dous profesores da Universidad Católica del Norte, de Coquimbo, Chile, explicaron o traballo que realizan no eido da acuicultura, sector no que o seu país está entre os principais produtores mundiais, co obxectivo de fomentar a colaboración no eido da investigación.

A rede Aqua-Cibus, que celebrou recentemente o seu primeiro aniversario, xurdiu ao abeiro do Programa Iberoamericano de Ciencia y Tecnología para el Desarrollo, Cyted, e céntrase primordialmente na optimización dos sistemas de produción en acuicultura; a busca do benestar animal co desenvolvemento de alternativas nutricionais e redución de antimicrobiáns; o aumento da produción sen danar ou alterar o medio ambiente e a obtención de produtos de calidade. A rede implementouse arredor de grupos de investigación, organismos públicos de investigación e empresas de España, Portugal, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Costa Rica, Ecuador e Perú, entre os que están tanto a Universidade de Vigo como a Universidad Católica del Norte de Chile.

Loita contra as biotoxinas

A xornada celebrada no campus arrancou coa participación do profesor da Universidad Católica del Norte Gonzalo Álvarez, do seu Laboratorio de Fitoplancton, que falou de biotoxinas de orixe fitoplanctónico e do seu impacto tanto na acuicultura, especialmente no cultivo da vieira, como na explotación de moluscos no norte de Chile, principalmente por parte de pescadores artesáns. Gonzalo Álvarez explicou como grazas ao traballo realizado nos últimos dez anos desde o seu laboratorio se rachou coa idea que había en Chile de que as principais zonas afectadas polas biotoxinas de orixe fitoplanctónico estaban no sur austral. Grazas á investigación realizada, apuntou, saben agora que tamén no norte “temos todos os grupos de toxinas, sendo no noso caso a máis importante a toxina amnésica, que xeralmente xera o peche e problemas á economía local”. Tendo en conta esta presenza, durante a súa intervención o profesor tamén falou de “procesos industriais que se poderían usar para tratar de reducir un pouco a toxicidade dos moluscos” e de estudos de cinética para establecer o tempo de depuración ou de toxificación das toxinas.

Gonzalo Álvarez explicou ao público asistente como “a acuicultura é moi relevante no noso país, sendo un dos principais produtores mundiais de produtos acuícolas”. Como exemplo desta relevancia e ao mesmo tempo da importancia da investigación neste eido, o profesor lembrou como antes de ter problemas coas toxinas de orixe fitoplanctónico, o seu país era o terceiro produtor mundial de vieiras, xunto a Xapón e China. Chile, recalcou, dispoñe de máis de 4000 quilómetros de costa litoral, cifra que se multiplica se se ten en conta a costa das illas e que en conxunto supoñen “moito espazo dispoñible para o desenvolvemento da acuicultura”. Neste contexto, o experto apuntou que coa súa participación na rede Aqua-Cibus e nas xornadas celebradas este martes en Ourense, o seu laboratorio busca “formar parte dunha rede, dun grupo máis grande que nos permita xerar interacción con persoas e entidades” que contribúa ao desenvolvemento deste sector desde o eido da investigación.

O potencial das algas

A segunda das conferencias foi a de Michael Marcelo Araya, do Centro de Investigación y Desarrollo Tecnológico en Algas y Otros Recursos Biológicos (CIDTA), que falou da investigación en macro e micro algas. Este profesor amosou as liñas de investigación e o equipamento que teñen no seu centro co obxectivo de “ver futuras colaboracións coa xente desta Universidade”. No seu centro, apuntou, “basicamente o que facemos é caracterizar quimicamente as algas para darlle valor agregado e formular bioprodutos”. Salientando a relevancia económica deste sector na rexión de Coquimbo, Michael Marcelo Araya explicou ao público presente como a investigación neste eido pretende dar resposta á demanda dos países compradores deste produto, que, recalcou, “xa saben moi ben que tipo de alga queren e en que estación”. A investigación, sinalou o experto, “prender darlle ás algas o valor que lle corresponde”.

Sobre a participación do seu centro na rede liderada desde a Universidade de Vigo, Michael Marcelo Araya apuntou como as súas expectativas se centran nunha primeira fase no desenvolvemento de oportunidades de intercambio de estudantes e investigadores con capacidades no eido da análise, co obxectivo seguinte de “xerar investigación”.