De Vigo a Pontevedra, máis barato en coche ou en tren?

Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Galicia,Social,Vigo

De Vigo a Pontevedra, máis barato en coche ou en tren?

O aumento no prezo dos billetes de tren e da peaxe na autoestrada AP-9 neste inicio de 2020 xerou grande controversia entre as persoas que se desprazan acotío entre Vigo e Pontevedra. Dentro dese debate imos colocar unha cuestión que moitas veces se obvia, con estes aumentos qué resulta máis barato, viaxar en coche ou tren? Para atopar a resposta imos analizar diversas variables establecendo como traxecto teórico un desprazamento entre a Praza da Estación de Urzáiz e a Rúa da Estación de Pontevedra.

Para calcular o custo do desprazamento en coche utilizamos unha ponderación do consumo de combustible e dos gastos de mantemento dos dez coches máis vendidos en 2019, obtendo un custo de 0,0836€ por quilómetro percorrido.

Como observamos na Táboa 1, realizar a viaxe en coche pola estrada (N-554: Vigo-Rande-VilaboaPontevedra) é con diferencia a opción máis barata. O tren, tanto por Urzáiz (opción rápida) como por Guixar (opción lenta), é significativamente máis caro.

Estes serían os prezos estándar pero as concesionarias ofrecen bonos para usuarios habituais. Os usuarios da AP-9 que instalen a Via-T obteñen un desconto de 100% na volta se a realizan no mesmo día que a ida. Mentres que os usuarios do tren poden optar por bonos de 10 viaxes ou por bonos mensuais (Guixar: 86,45€ e Urzáiz:100,40€) reducindo bastante o custe por desprazamento.

Na Táboa 2 vemos como incluso aplicando os abonos sómente o tren dende Guixar é máis barato que a opción do coche pola N-554.

E se un grupo de amigos deciden ir xuntos de Vigo a Pontevedra, como varía o custo?

Cando comparamos o custo de viaxar nun medio de transporte privado co de viaxar nun medio de transporte colectivo (MTC) é importante ter en conta que o gasto en coche mantense constante sexa cal sexa o número de pasaxeiros mentres que nun MTC ese custe aumenta nunha proporción directa.

Vexamos un exemplo, catro amigos que teñan que ir de Vigo a Pontevedra regularmente por traballo, estudos ou ocio.

O custo do desprazamento en coche mantense constante en 6,21€, tanto se o condutor vai só como se vai acompañado. Mentres que o custo en tren aumenta en proporción directa por cada pasaxeiro disparándose o custo total ata 16,47€ ou 19,31€.

Outra forma de visualizar esta diferenza abismal é analizando o custo por persoa.

Viaxando os catro en coche pola AP-9 a viaxe de ida e volta sairíalle a cada un por 1,55€ mentres que viaxando en tren terían que seguir pagando os mesmos 4,12€ ou 4,83€ que pagaban viaxando
sós. Obviamente o tren perde calquera atractivo se viaxamos en grupo, a cantidade que nos aforramos viaxando en coche é suficiente para pagar calquera aparcamento no centro de Pontevedra.

E se a orixe e o destino do traxecto non están ao lado das estacións?

O coche sae tan sumamente barato respecto ao tren que nos demos ao luxo de escoller un traxecto entre a Estación de Vigo e a Estación de Pontevedra. Pero se escollemos calquera outra orixe e calquera outro destino verificamos como a diferenza de prezo entre os dous medios de transporte aumenta aínda máis. Por exemplo, analicemos o caso dunha persoa que viva nas Travesas e teña que ir ata o casco vello de Pontevedra.

O custo en coche practicamente non verifica alteracións (2kms máis supoñen un extra de 0,17€) pero o desprazamento en tren esixe coller outro medio de transporte para chegar dende as Travesas ata a estación de Vigo e outro para desprazarse dende a estación de Pontevedra ao casco vello. Así, ademais do tempo adicional que supón coller varios MTC, temos que engadir o custo dos billetes adicionais porque non existe transbordo entre Renfe e o transporte metropolitano.

En resumidas contas, quen viaxa no tren?

Diversas enquisas reflicten como o principal motivo polo que os pasaxeiros optan por desprazarse nun MTC é o feito de non dispoñeren de coche. De aí que a maioría dos pasaxeiros sexan xente nova, anciáns ou persoas sen recursos para posuír un coche.

As contas son claras e reflicten como o transporte colectivo non é actualmente unha opción de mobilidade atractiva. Os medios de transporten por estrada son responsábeis polo 21,6% das emisións de CO2, gas causante da mudanza climática, e os principais emisores de óxidos de xofre e de PM2.5 causantes de serias doenzas respiratorias sobre todo nos núcleos urbanos. Polo que se torna imperioso que as administracións tomen medidas verdadeiramente contundentes de modo a facer máis atractivos os medios de transporte máis sustentábeis. Réstanos lembrar catro medidas de fácil implantación que teñen obtido resultados moi positivos noutros países:

Comentar noticia

Your email address will not be published.