Debate Estado Autonomía: Aprobadas as nosas propostas sobre autogoberno, igualdade, Medio Ambiente, igualdade na Xustiza, vivenda e Política Forestal

Por o 12/10/2018 | Sección: Política,PSOE
Debate Estado Autonomía: Aprobadas as nosas propostas sobre autogoberno, igualdade, Medio Ambiente, igualdade na Xustiza, vivenda e Política Forestal

A viceportavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, sinalou hoxe que o Parlamento aprobou onte 5 transaccións de outras tantas Propostas de Resolución presentadas polo Grupo Socialista sobre autogoberno, Igualdade, medio ambiente, igualdade na Xustiza e vivenda, e foi aprobada a proposta sobre o Plan Forestal. Na xornada de peche do Debate do Estado da Autonomía, reclamoulle ao PP que amosara “a mesma capacidade de diálogo” que os socialistas á hora de transaccionar propostas.

A viceportavoz do Grupo Socialista reivindicou hoxe o diálogo como forma de facer política, antes de sinalar que “os socialistas estamos en 21 das 23 transaccións que se produciron neste debate, estamos no 91 por cento do diálogo desta Cámara con tódolos grupos. Niso consiste a Política”. Comparou esta capacidade de transacción co acordo de Orzamentos presentado esta mesma mañá entre o goberno de Pedro Sánchez e Podemos, para garantir unha ampla maioría ás contas para o próximo ano.

Explicou que os socialistas acordaron transaccionar propostas do PP sobre a convocatoria da Conferencia de Presidentes ou do impulso do Senado, e que apoiaron menos de 20 propostas daquel grupo. Rexeitou a “proposta fume” para poñerlle “deberes” con relación á memoria histórica “á Fegamp e ao goberno, a todos menos á Xunta”.

Os socialistas apoiaron máis de 30 propostas da Marea, cun amplo nivel de acordo, pero rexeitaron, dixo, a súa proposta dun Plan Forestal “que implicaría rachar co traballo da Comisión de Política Forestal” e agardar outros 5 anos. Apoiaron ademais en torno á metade das 40 propostas presentadas polo BNG, rexeitando un “modelo de país que non compartimos”, unha autodeterminación que “non existe na Constitución ou un cupo para Galicia que sería “deficitario”.

Comparou ese “talante” co “fondo baleiro cheo de fugacidade e engano” do presidente da Xunta, que “prometeu o que xa prometera no Debate do Estado da Autonomía de 2017”. Sinalou así á Lei do Patrimonio Natural, o Plan Director dos Ríos, o Pacto local pola Auga, a estratexia de cambio climático, a estratexia da economía circular, a Lei de Residuos, a ampliación de Sogama ou os novos xulgados de Tui, todos eles “compromisos incumpridos”.

Vilán cualificou de “fume” o anuncio de construír 17 centros de saúde, “esquecendo que en 2009 prometera 62 e non se fixeron nin sequera 20”. Criticou que o PP mesmo teña esquecido nas súas propostas de Resolución a licitación da primeira fase do Hospital Montecelo de Pontevedra, cando “só inclúen o Hospital de A Coruña”.

Os socialistas galegos presentaron 40 propostas dirixidas, explicou, a “mellorar a vida das galegas e dos galegos, impulsar unha Galicia moderna e sustentable medioambientalmente, e acadar máis democracia e autogoberno”.

A responsable socialista emprazou ao PP a apoiar a reprobación do alcalde de Vilanova, que cualificou á presidenta da Deputación de Pontevedra de “chacha para todo”, e os acusou de “compartir o seu machismo casposo e elitismo acomplexado”. Sinalou o acordo parcial sobre a proposta socialista en materia de violencia de xénero, logo de constatar que “teñen un problema coa Igualdade”.

Lembrou as declaracións do secretario xeral do PPdeG, quen o 8 marzo descualificaba a folga das mulleres tildándoa de “machista”, a súa portavoz de Igualdade, descualificando á maioría de mulleres no goberno de Pedro Sánchez, comparándoo de “goberno florero”.

Criticou que “non tiveran no seu momento a valentía política de dicirlle -ao ex deputado- Castelao Bragaña que as mulleres non somos como as leis, non estamos para que se nos viole, nin de dicirlle hoxe ao alcalde de Vilanova que as mulleres non somos chachas para todo”.

Servizos públicos

Vilán reclamou o reforzo dos servizos públicos comezando polo reforzo dos centros de saúde, sinaladamente os de A Estrada, Soutomaior, Cerdedo – Cotobade ou A Lama, ademais da construción de 20 novos centros de saúde no horizonte de 2020, cun investimento mínimo de 10 millóns de euros. Solicitou ademais un plan de mantemento de edificios escolares ou a gratuidade na primeira matrícula universitaria nun prazo de 4 anos.

Tamén reclamou reforzar o emprego en Galicia, reivindicando o impulso do diálogo social para consensuar medidas de recuperación das condicións de traballo e o aumento da estabilidade laboral nun horizonte de 6 meses. Sinalou especialmente á situación laboral das mulleres, cando ademais da fenda salarial teñen que soportar que “por cada home con contrato temporal, hai 4 mulleres contratadas en precario”.

Reivindicou ademais incrementar o persoal dos equipos de valoración da discapacidade, ou promover o aumento das pensións en función da valoración do IPC, tal e como está a comprometer o goberno de España. En materia de Infraestruturas, reclamou o traspaso da AP-9 de acordo co Proxecto de Lei aprobado por unanimidade no Parlamento.

Infraestruturas

Ademais, urxiu ao goberno galego a presentar o Plan Director de Estradas de Galicia, recuperando para o período 2019-2022 “cando menos as previsións que contiña o denominado Plan Move”, que está executado apenas nun 40 por cento. Reclamou unha acción eficaz para mellorar a calidade das estradas galegas, logo dun ano 2018 “terrible en accidentes de tráfico” no que en outubro xa suma máis falecidos que en todo 2017.

En materia medioambiental, propuxo un informe sobre a estratexia de transición ecolóxica de Galicia, e reclamou que se impida instalar plantas de tratamento de residuos cerca das vivendas, limitando a súa instalación ao solo industrial, para evitar situacións como a da mina de Casalonga, no Concello de Teo, en pleno núcleo rural.

Finalmente, propuxo abrir ás visitas gratuítas ao Pórtico da Gloria e os demais monumentos declarados BIC titularidade da Igrexa, “sobre todo aqueles nos que se teñen utilizado fondos públicos” ou dirixirse ao goberno de España para que acelere o informe xurídico que lle reclama a titularidade do Pazo de Meirás aos seus actuais propietarios.

Propostas de Resolución do Grupo Socialista aprobadas hoxe:

Proposta de transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 25 do G.P. dos Socialistas de Galicia.

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a adoptar medidas de protección sobre o medio ambiente, levando a cabo as seguintes actuacións:

1. Aprobar antes de que remate o seguinte período de sesións os plans de xestión dos parques naturais e parque nacional e rematar antes de que finalice a lexislatura os plans de xestión para todos os hábitats da Rede Natura 2000

2. Incluír dentro da loita contra o cambio climático criterios ambientais nos procedementos de contratación pública da Xunta de Galicia.

3. Continuar realizando campañas de sensibilización sobre as consecuencias negativas para o medio ambiente do consumo de macro a microplásticos e das medidas tendentes cara a súa redución.

4. Impulsar as modificacións normativas pertinentes aos efectos de poder establecer unha distancia mínima das vivendas e dos núcleos de poboación á que se poidan instalar, en solo rústico, as plantas de tratamento de residuos”.

Proposta de transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 26 do G.P. dos Socialistas de Galicia.

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a, no ámbito da xustiza e exercendo as súas competencias:

1) Tomar medidas para que as novas oficinas Xudicial e Fiscal estean implantadas nos xulgados das 7 grandes cidades galegas e en todos os órganos cabeceira de partido xudicial.

2) Garantir a funcionalidade da sede xudicial electrónica a través de plataformas dixitais actualizadas e eficaces.

3) Acelerar a execución do Plan de infraestruturas xudiciais 2010-2015.

4) Cumprir o Decreto 124/2014, do 11 de setembro, respecto do número de oficinas e da ratio ideal por fiscalía.

5) Impulsar os cambios normativos necesarios para permitir o desenvolvemento dos procedementos ante as Forzas e Corpos de Seguridade e dos procesos xudiciais en lingua galega, conforme recomenda o IV Informe do Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias”.

Proposta de transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 27 do G.P. dos Socialistas de Galicia.

“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a impulsar e abrir novos obxectivos na súa política de vivenda comprometéndose a:

1) Ampliar progresivamente o peso do parque de vivenda pública, mediante a promoción de vivendas novas ou rehabilitadas, singularmente naqueles concellos cunha maior demanda non atendida, co obxecto de duplicar o parque de vivenda actual a cinco anos vista, e apostando preferentemente polo réxime de aluguer.

2) Crear programas específicos dirixidos a colectivos singulares, en particular colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en situación de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, desafiuzamentos, persoas maiores e mozos e mozas que pretendan acceder á vivenda en aluguer, con especial atención ás provenientes de rehabilitacións en cascos históricos, con axudas de ata un 40% en función dos ingresos anuais e o carácter da área na que se sitúe a vivenda”.

Proposta de transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 36 do G.P. dos Socialistas de Galicia.

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a impulsar e incidir, dentro das medidas contempladas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, aquelas que permitan:

– Mellorar a accesibilidade aos servizos, coa consolidación dunha rede integral de CIM en todo o territorio, atención especializada ás vítimas e plans específicos que favorezan a prevención da violencia no rural galego, cun estudio previo da realidade específica desta poboación.

– Poñer en práctica as medidas número 3 e 183 do Pacto, no que se menciona a posta en marcha de medidas dentro do ámbito educativo para a prevención, e detección das violencias sexuais, incidindo na educación afectivo-sexual obrigatoria en todos os niveis educativos.

– Atallar a revitimización e falta de credibilidade social das vítimas mediante a posta en marcha de campañas que focalicen o rexeitamento ó maltratador e á necesaria formación e desexada especialización de todas as persoas implicadas na atención ás vítimas de violencia.

Aprobar medidas no ámbito xudicial e de Igualdade, tales como facer accesible a información as mulleres vítimas de violencia sobre o itinerario e procedemento mais seguros no seu recorrido xudicial; habilitar espazos independentes para evitar o cruce entre vítimas e agresores na medida en que a estrutura do edificio o posibilite; facilitar unha maior formación específica e periódica aos traballadores dependentes da Xunta de Galicia; así como a demandar ao Goberno do Estado a comarcalización dos servizos do Imelga (especialmente as Unidades de Valoración Forense), as Oficinas de Atención ás Vítimas e a Policía Xudicial, de xeito consensuado coa Comisión Mixta que existe co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.

Proposta de transacción entre o G. P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da Proposta de Resolución número 40 do G.P. dos Socialistas de Galicia.

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a opoñerse a calquera proceso de recentralización de funcións ou competencias daquelas Comunidades Autónomas que exercen o autogoberno de acordo ao principio de lealdade constitucional á Administración xeral do Estado, ao mesmo tempo que leve a cabo todas as actuacións políticas posibles, para acadar o máximo nas cotas de autogoberno para Galicia en concordancia co establecido na Constitución española”.

Proposta de Resolución núm. 34

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a promover no prazo de un mes a constitución da Comisión de expertos en relación á prevención e defensa contra os incendios forestais, de acordo co ditame aprobado na Cámara galega, de xeito que as súas recomendacións poidan ser postas en marcha na campaña contra- incendios do ano 2019, e ao mesmo tempo demandar que no actual período de sesións se proceda a enviar á Cámara galega o Plan forestal de Galicia”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.