Debut 2018 busca modelos

Por primeira vez, amosaranse traballos do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda
Publicado por o día 09/10/2018 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

Debut 2018 busca modelos

Preto de 1800 persoas reúnense cada mes de novembro no Pazo da Cultura con motivo de Debut, a pasarela na que o alumnado de Esdemga presenta as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos e que neste 2018 celebrará a súa décimo segunda edición. Un evento que terá lugar o xoves 22 de novembro e para o que Esdemga abre un período de inscrición para todas aquelas e aqueles que queiran colaborar co evento exercendo como modelos sobre unha pasarela na que, ademais dos proxectos de fin de estudos, exhibiranse tamén unha serie de traballos realizadas polo alumnado no marco da súa formación, entre os que figurarán por primeira vez propostas realizadas polo alumnado do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que comezou a impartirse o pasado curso.

As persoas interesadas en participar como modelos en Debut 2018, sinalan desde Esdemga, poden tanto contactar coa organización a través do enderezo electrónico esdemga@uvigo.es, como achegarse polo despacho da titulación na Facultade de Belas Artes de luns a xoves en horario de 9.00 a 14.00 horas. “O que facemos é tomarlles unha serie de medidas e facerlle unha foto á xente que queira participar, algo que ademais agradecemos moitísimo, porque sempre é xente moi colaboradora”, sinala a directora de Esdemga, Lola Dopico, dunha participación “completamente amateur” para a que non é precisa ningún tipo de experiencia previa no eido. A partires desas fichas, Esdemga realizará unha selección final que dependerá “das características das coleccións que presente o alumnado, que aínda se están acabando de elaborar” e que antes de subir á pasarela deberá defender diante dun tribunal a finais de outubro. As e os participantes como modelos nun evento que en anteriores edicións precisou da colaboración de preto de 60 persoas serán agasallados cun lapis de memoria con fotografías do desfile.

Un escaparate ao sector profesional e á cidade

“Tender unha ponte ao alumnado que remata os seus estudos e conectalos co ámbito profesional” é, como sinala Dopico, o propósito central dun evento que cada ano se ve complementado, na semana da súa celebración, por un programa de talleres e conferencias, así como por unhas xornadas técnicas na que persoal de recursos humanos de diferentes empresas do sector mantén unha serie de entrevistas cos novos titulados e tituladas. Así mesmo, na súa décima segunda edición Debut completará a presentación dos proxectos de fin de estudos cun segundo bloque de “traballos de medio ciclo”, unha selección de proxectos realizados o pasado curso, no marco das súas actividades académicas, tanto polo alumnado do título propio de Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia como do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda.

Deste xeito, Debut constituirá un ano máis “unha forma integral de que o circuíto profesional e a propia cidade coñeza o que se fai dentro das aulas”, engade Dopico, quen pon tamén o acento na importancia de “amosar a cidadanía o que estamos a facer”.