Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional dos Bosques

Publicado por o día 21/03/2018 na sección de Xunta de Galicia

Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional dos Bosques

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou no ano 2012 o 21 de marzo como Día Internacional dos Bosques, co fin de poñer de manifesto a importancia destes ecosistemas e xerar conciencia ao respecto. Seguindo as recomendacións deste organismo, a Xunta de Galicia súmase á celebración desta xornada e quere chamar a atención sobre a riqueza ambiental, económica e social que representan os bosques, así como sobre a necesidade de promover o seu aproveitamento sustentable.

Arredor dun terzo da superficie terrestre está cuberta polos bosques, que desempeñan un papel fundamental na vida do planeta. Estímase que uns 1.600 millóns de persoas dependen dun xeito ou outro dos recursos forestais para sobrevivir, xa que lles proporcionan alimentos, menciñas, combustible e abrigo. Ademais, desde a perspectiva biolóxica, os bosques son os ecosistemas terrestres máis diversos e albergan por riba do 80% das especies animais e vexetais.

Galicia ten unha vocación claramente forestal, superando este uso o 68% do territorio. Conta con algo máis de dous millóns de hectáreas de superficie forestal –a inmensa maior parte dela en mans de particulares– e está considerada como a novena potencia europea neste ámbito, liderando o sector en España, xa que o 50% da madeira que se corta no territorio nacional procede da nosa comunidade.

O monte galego en conxunto considérase un ecosistema forestal complexo e dinámico, que alberga diversos recursos naturais renovables, de forma que ademais de acumular madeira e reter carbono tamén constitúe unha reserva de biodiversidade e un almacén de enerxía.

O Goberno galego, consciente de toda esta riqueza, asume, da man doutras administracións competentes e dos axentes do sector, a responsabilidade da súa ordenación, fomento e posta en valor. Fitos como a Lei de Montes ou o Plan Forestal de Galicia constitúen un marco idóneo para o desenvolvemento destas políticas, acordes co mandato social de aproveitar, conservar, defender e potenciar os valores que atesoura o monte, pensando tanto no presente como nas xeracións vindeiras.

Por iso, con motivo deste Día Internacional dos Bosques, a Xunta de Galicia fai un chamamento á sensibilización xeral, e especialmente dos máis novos, sobre estes aspectos e apela á toma de conciencia global a prol dun monte ambiental, social e economicamente vivo e con futuro.