Declaración institucional polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Publicado por o día 28/11/2016 na sección de Concello de Vigo,Vigo

Declaración institucional polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Praticamente 1 asasinato cada 3 días no estado español. Cada día teñen lugar unha media de algo máis de 3 violacións e dous casos de violencia machista son denunciados ó día na cidade de Vigo.

Mais ante tal xenocidio, unha gran parte da cidadanía segue culpabilizando as mulleres por non ter deixado a relación antes de que as asasinen.

Son numerosos colectivos de mulleres e organizacións políticas, xudiciais, sociais, sindicais as que a cotío envian comunicados, estudos de investigacións, traballos comunitarios nos que se recollen medidas de urxencia para mellorar á atención ás mulleres vítimas de violencia machista. Velaí algúns exemplos:

– O acceso de todas as mulleres vítimas de violencia aos recursos especializados sen depender da interposición dunha denuncia. Un número importante da sociedade segue presionando para que as mulleres denuncien. Pensamos que as denuncias son moi importantes, mais non deben ser a única opción para ofrecerlles unha saída ás mulleres e aos menores que teñen a cargo. A denuncia ebe ser unha ferramenta máis coas que poidan contar para saír desa situación e comezar esa nova vida a cal se di que teñen dereito. Cada proceso ten as súas fases, e non todas as mulleres queren ou poden ou non sempre é o mellor momento para denunciar.

– Que se potencien as redes de acompañamento social ás mulleres, para que estean acompañadas dun xeito máis cercano e complementando a atención institucional.

– Melloras nos xulgados especializados, para que se cumpra a intimidade e integridade das mulleres o día do xuízo.

– Seguimos esixindo que o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado. A violencia machista ten unha presenza mínima tanto nas campañas electorais como na política do estado español.

РQueremos reformar a lei contra a violencia de x̩nero para que estean reflectidas todas as formas de violencia contra as mulleres.

Incluír TODAS as formas de violencia, non só a de parella, crear servizos especializados a vítimas de agresións sexuais e protexer a TODAS as vítimas sen discriminación por raza, lingua, clase, idade, orientación sexual, identidade de xénero, diversidade funcional, estado civil, estatuto de emigrante ou de refuxiada.

-Toda a sociedade e as súas organizacións e institucións deben comprometerse na loita pola igualdade.

Queremos a implicación de todas as instancias do goberno na prevención e erradicacións da violencia machista e na asistencia e reparación a todas as mulleres en situación de violencia, independentemente da súa situación administrativa.

– Que o acento se poña na protección das afectadas e dos seus fillos e fillas, facilitándolles saídas de recuperación vital, económica e social.

Son mínimas as axudas para vivenda e insuficiente a axuda á súa recuperación psicolóxica e empoderamento.

– Que a prevención sexa unha política prioritaria, que inclúa un sistema coeducativo en todos os ciclos e a formación específica para todo o persoal profesional que intervén nos procesos.

Que se visualice a través dos medios de comunicación a violencia machista e se acade unha información que inclúa unha linguaxe e unha imaxe non sexista.

– Supresión do réxime de visitas e da patria potestade sobre as e os menores aos maltratadores condenados.

Hoxe podemos dicir que se avanzou na loita para erradicar as violencias machistas. Aínda así, queda moito por facer para que a atención ás mulleres se realice libre do asistencialismo que as tutoriza, é necesario unha intervención que fomente a súa atunomía e o seu poder de decisión sobre a súa vida. O importante é acompañalas no seu proceso de recuperación, sexa cal sexa a súa duración ou das dificultades que se atopen no camiño, co único fin de que poidan exercer os seus dereitos humanos, en moitas ocasións vulnerados.