Declaración a prol do arquivo municipal de Vigo asinado por diversas persoas destacadas do ámbito intelectual

Publicado por o día 21/11/2017 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

Declaración a prol do arquivo municipal de Vigo asinado por diversas persoas destacadas do ámbito intelectual

O arquivo dunha cidade é o sagrario da memoria municipal. Neste espazo custódiase a historia escrita. Os centos de papeis, libros, cartafoles, actas ou planos axúdannos a entender o desenvolvemento social, económico ou político.

O coidado da memoria da cidade de Vigo é necesaria. Unha urbe trazada e trenzada no decorrer da historia, con tantísimas pegadas dos pobos que habitaron esta antiga terra de Turonio, precisa dunha atención e tratamento dignos.

No último século a xeografía viguesa experimentou unha enorme transformación en ámbitos como o industrial, urbanístico ou social. Vigo debe manter vivo o coñecemento do pasado, a través do seu estudo e divulgación, para poñer en valor a identidade da súa cidadanía: aberta, culta, plural, progresista, dinámica… Trazos que nos serven de presentación e dos cales sentimos orgullo.

Vigo foi escenario de sucesos que superaron a dimensión do local. Polo tanto, o coidado da súa memoria escrita é tamén unha contribución ao coidado da memoria de Galicia.

As persoas que asinamos esta declaración amosamos a nosa preocupación polo actual estado do arquivo municipal. O simple lugar onde se localiza, nos pés da casa do concello e ao carón do garaxe, denigra a cultura viguesa. Supón un verdadeiro demérito para o principal municipio galego que tanta brillantez ten dado ás letras e ciencias.

A falta de persoal profesional, a ausencia dunha dirección, a escasa clasificación de papeis ciscados en arquivadores, a practicamente nula dixitalización do material obrante, o cativo espazo de traballo para as persoas usuarias, a falta de salas de lectura apropiadas, o descoidado material inmoble, o ruído dos automóbiles no garaxe, a inexistencia dunha páxina web, a entrada de feluxe que vai descansar sobre os papeis, a falta de planificación no traballo arquivístico etc. son mostras dunha urxente atención por parte das autoridades competentes.

Neste sentido, queremos trasladar o noso desexo por mudar esta situación. Para isto dirixímonos ao pobo de Vigo no seu conxunto e ás representacións dos grupos municipais en particular para solicitar o seguinte:

O Arquivo Municipal de Vigo debe saír do garaxe do concello e instalarse nun lugar con dependencias óptimas para dar cobertura ás necesidades técnicas, ás solicitudes das persoas interesadas na nosa memoria e fornecer dun espazo digno, accesible e axeitado. E, conforme con isto, pensamos que o Pleno do concello debe procurar un inmoble de propiedade municipal que cumpra con estes requisitos. A memoria e o saber culto así nolo esixen.

ASINANTES:

Xosé Luís Méndez Ferrín (escritor), María Xosé Queizán (escritora), Xerardo Abad Gallego (presidente do Instituto de Estudos Vigueses), Camiño Noia (profesora emérita da Universidade de Vigo), Manuel Bragado (editor), Xosé González Martínez (presidente do Foro Enrique Peinador), Ledicia Costas (escritora), Alejandro Alonso Nogueira (profesor do Brooklyn College de New York), Marta Pérez (creadora escénica), Xosé Ramón e Miguel Pena (coordinadores do Faro da Cultura), Menchu Lamas (pintora), Gerardo González Martín (estudoso e divulgador da historia de Vigo), María Xosé Porteiro (escritora), Xosé Luís Franco Grande (académico da RAG), Paulo Cabral (director da Área de Normalización Lingüística da Uvigo), Xosé Carlos López Bernárdez (profesor do politécnico), Xurxo Martínez González (investigador).