Decretan prisión para o home acusado por apuñalar á súa parella en Vazquez Varela

Publicado por o día 09/11/2019 na sección de Galicia,Sucesos,Vigo

Decretan prisión para o home acusado por apuñalar á súa parella en Vazquez Varela

O xulgado que instrúe o caso da agresión cunha arma branca a unha muller o pasado venres en Vigo decretou prisión provisional para o detido, parella da vítima. Ademais, o caso foi inhibido aos Xulgados de Violencia sobre a muller.

O pasado venres, un home de 48 anos foi detido por apuñalar á súa parella, de 43 anos de idade. Ambos convivían nun rocho situado nun inmoble á altura do número 7 da rúa Vázquez Varela na cidade olívica, onde se produciron os feitos.

Segundo informou a Policía Nacional, non constaban denuncias previas por violencia de xénero nin unha orde de afastamento. O presunto agresor foi detido cando tentaba fuxir do lugar en motocicleta.

A muller, que tras ser apuñalada no domicilio baixou á rúa polo seu propio pé, foi ferida cun coitelo de cociña no abdome debaixo da mama dereita, e conta con varios cortes superficiais no pescozo. Foi un veciño o que alertou a emerxencias cando a viu na rúa.

A pesar do sucedido, a vítima está “estable” e a súa vida non corre perigo, aínda que se atopa no Hospital Álvaro Cunqueiro.