Degradación de Berbés-Beiramar

Publicado por o día 25/06/2014 na sección de Vigo

Degradación de Berbés-Beiramar

Compromiso por Galicia denuncia o aumento da degradación e abandono na zona da Praza do Berbés e Beiramar.

Compromiso por Galicia, en declaracións do seu voceiro en Vigo, Henrique Macías, denunciou a falta de cumprimento das promesas de recuperación da Praza do Berbés, o aumento de peches de negocios e o continuo abandono de veciños da zona.

Henrique Macías, que durante varios anos foi presidente da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, denunciou que “debido á falla de iniciativa das Administracións Públicas e o seu reiterado incumprimento, con anuncios publicitarios repetitivos nos últimos anos, de promesas de rehabilitación desta zona do Casco vello, está a incrementarse a degradación da zona, a marcha de máis veciñanza e o peche de negocios que levaban décadas no barrio”.

Así, Compromiso por Galicia denuncia que, a pesar dos distintos anuncios propagandísticos tense acelerado nestes últimos meses o aumento de pisos e locais en venda e os peches de negocios, dos poucos que xa quedaban no barrio, entre eles clásicos locais de hostelería e financeiros “de toda a vida”. Esta situación provoca un menor interese de investimentos de iniciativas privadas producindo un circulo vicioso de novos peches e marcha de máis veciños que inda residen no contorno.

Ribeira

A esta sucesión de abandonos Compromiso por Galicia tamén inclúe á Administración Pública, neste caso á Xunta de Galicia, co seu anuncio de peche do Centro de Saúde de Beiramar, implicando a perda dun servizo público que facía de polo de atracción para vivir no seu entorno, e provocando, con esta decisión, que novamente a zona do Berbés e Beiramar quede máis aillada dos servizos e necesidades básicas que ofrecer para os vellos e novos veciños, facendoa menos atractiva e interesante como lugar de residencia.

Esta falta de sensibilidade das Administracións Públicas está conseguindo acelerar o deterioro social desta zona histórica de Vigo e provocando que toda a faixa costeira, dende Cánovas del Castillo até a Rúa Coruña, sexa unha zona cada vez máis degradada e onde iniciativas como o Hotel e Auditorio Mar de Vigo quedan ailladas e sen posibilidade de sobrevivir, por atoparse no medio dunha zona marxinal sen un plan extratéxico global para recuperar o seu entorno.

Henrique Macías finalmente demanda responsabilidade á Consellería de Sanidade para evitar o peche do Centro de Saúde de Beiramar, xa que non soamente é un servizo público senón que constitúe unha das poucas referencias positivas para lograr fixar nova poboación no barrio, e demanda ao Consorcio do Casco Vello a acelaración no proceso de rehabilitación da fachada da Ribeira do Berbés, para evitar a rápida degradación que estamos a constatar e que implicará un custe adicional, en tempo e en investimento, na súa recuperación social e urbanística.

PRENSA CxG