O delegado da Xunta en Vigo visita a Escola Infantil de Caeiro, un dos 21 centros da rede autonómica A Galiña Azul na área

Ignacio López-Chaves desprazouse hoxe ata este centro, na parroquia de Cabral, para coñecer de primeira man o seu funcionamento e saudar ás educadoras
Publicado por o día 15/02/2018 na sección de Galicia,Vigo

O delegado da Xunta en Vigo visita a Escola Infantil de Caeiro, un dos 21 centros da rede autonómica A Galiña Azul na área

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata a Escola Infantil Caeiro, na parroquia viguesa de Cabral, para coñecer de primeira man o seu funcionamento e saudar ás educadoras. Acompañado pola xefa territorial da Consellería de Política Social, Marta Iglesias, fixeron un percorrido polas instalacións deste centro con 67 prazas para nenos e nenas de 1 a 3 anos.

Na área territorial de Vigo hai un total de 21 escolas infantís de titularidade autonómica, pertencentes á Consellería de Política Social, que ofertan 1.414 prazas de 0 a 3 anos. Destas, sete están integradas na Axencia Galega de Servizos Sociais e 14 pertencen ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Durante a visita, o representante do Goberno galego acentuou a aposta da Consellería de Política Social por reforzar a rede de escolas coa apertura de novos centros prevista para o vindeiro ano e que exemplificou na gardería en construción de A Veigadaña (Mos). Segundo dixo as obras avanzan sobre os prazos previstos co obxectivo de que estean rematadas no mes de marzo, data que coincidirá coa apertura do prazo da matrícula.

“Trátase do terceiro centro aberto nesta localidade, pero máis importante aínda é que con esta apertura multiplícanse por catro as prazas públicas de educación infantil respecto ao 2009”, indicou López-Chaves, ao tempo que lembrou que Galicia supera o cociente aconsellado pola UE, cun 40% de cobertura fronte ao 33%.

É Vigo a que por poboación concentra o maior número de escolas infantís e prazas públicas ofertadas pola Xunta de Galicia, con oito centros -seis pertencentes á Axencia Galega de Servizos Sociais e dous ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar- e 630 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Ademais das prazas públicas da Rede Galiña Azul, hai que sumar as prazas ofrecidas nas escolas concertadas e nas de iniciativa social, así como aquelas sostidas a través do Bono Concilia e as municipais.