A demanda dos veciños de Atios pola titularidade das canteiras chega por fin a xuízo

Publicado por o día 18/09/2017 na sección de Galicia,O Porriño

Por CMVMC de Atios

O martes 19 de setembro, ás 9:30 da mañá, terá lugar no xulgado de 1ª Instancia e  Instrucción nº 3 do Porriño o xuizo pola reclamación, por parte da comunidade de montes de Atios, dos terreos ocupados polas canteiras de granito situados dentro do monte veciñal Carrascal e Laxedo, parcelas que agora son de titularidade municipal. É unha data longamente esperada polos comuneiros, e veciños de Atios en xeral, xa que chega máis de catro anos despois de que a directiva da comunidade interpuxera a demanda civil contra o concello do Porriño o 23 de xullo de 2013.

Dende o incio do procedemento o preito sufriu innumerables atrancos, provocados principalmente polas manobras claramente dilatorias da parte demandada. Esta vista oral estaba fixada para o pasado 19 de abril, pero un problema co informe pericial solicitado polo concello obrigou a retrasalo ata agora. Durante estes catro anos celebráronse catro audiencias previas, o que da idea da complexidade que acadou o asunto. Aínda que a CMVMC de Atios subrogarase e respetará os contratos de cesión vixentes, foi obrigada a codemandar, porque o concello solicitou o litisconsorcio, a 22 empresas de granito e áridos que figuran como arrendatarias de terreos dentro da parroquia de Atios, nas parcelas que son reivindicadas pola comunidade de montes.

Unha demanda xusta

Confiamos en que neste preito a xustiza poña fin ao que consideramos unha anomalía xurídica e administrativa, que comeza en 1987 cando o Xurado Provincial de Montes deixou 169 hectáreas (precisamente onde están as canteiras) do monte Carrascal e Laxedo fóra da clasificación do monte veciñal. Deste xeito esa porción do monte segue en mans do concello, quen durante todo este tempo percibiu as rendas do alugueiro.

A situación na que se atopa esta parte do monte de Atios é, ao noso entender, unha anomalía. A outras parroquias, como é o caso de Teis, Salcedo, Tameiga ou Cabral, a Xustiza recoñeceulles a propiedade de terreos onde agora hai campos de fútbol, un cuartel militar, un polígono industrial ou, incluso, un aeroporto! Por que, entón, a Atios non se lle vai recoñecer a titularidade dun monte onde hai unha actividade tan ligada ao aproveitamento inmemorial dun monte como é unha canteira de pedra? É máis de “uso veciñal” un cuartel militar, un polígono industrial ou un aeroporto!?

Todos os veciños de Atios temos, absolutamente e sen ningún xénero de dúbidas, moi claro cal é a identidade do noso monte, cales son os seus límites xeográficos, cales as súas dimensións e cales os seus lindeiros. Non hai, na nosa opinión, ningún argumento xurídico de peso, que vaia ao fondo da cuestión, polo que poida negarse a demanda dos veciños de Atios.

Reclamación de cantidades

Paralelamente á reivindicatoria civil da titularidade dos terreos, a CMVMC de Atios reclámalle tamén ao concello o pagamento das rendas percibidas en concepto de arrendamento dende o 1-01- 2008 (data en que rematou o convenio asinado entre o concello e a parroquia de Atios para o reparto das rendas das canteiras) ata a actualidade.

Segundo certifica o interventor municipal mediante escrito presentado no xulgado, e incorporado á causa, o pasado 22 de febreiro- o concello do Porriño fixo deixación da súa función recadatoria. Isto é así, porque que en 9 anos o concello só ingresase por concepto de alugueiro dos 620.000 metros cadrados que ocupan as canteiras ubicadas en Atios, 1.877.088,53 euros. É dicir, algo máis de 200.000 euros ó ano, tan só un terzo do que debera ser. Admitimos que moitas explotacións levan anos sen actividade e algunha incluso está abandonada, pero entendemos que é difícilmente xustificable este desleixe recadatorio, que prexudica a todos os veciños do Porriño, non só aos de Atios.

Confiemos en que non xurdan máis atrancos e por fin poida dilucidarse en sede xudicial o que para os veciños de Atios é unha xusta reivindicación histórica.