Demanda unánime a Lactalis de contratos lácteos que compensen os prezos de 2017

Unións Agrarias defende que Lactalis suba os prezos para compensar os últimos dez meses. O Sindicato Labrego advirte de que as granxas galegas deixaron de ingresar máis de 9 millóns de euros en novembro por non recibir uns prezos acordes á media europea
Por o 09/01/2018 | Sección: Alimentación
Demanda unánime a Lactalis de contratos lácteos que compensen os prezos de 2017

Os próximos meses de febreiro e marzo está previsto que se renoven en Galicia algo máis de 4.000 contratos lácteos, unha boa parte da multinacional francesa Lactalis, que recolle aproximadamente o 25% do leite galego.

Outras como Leche Celta xa renovaron en setembro cunha lixeira suba dos prezos, mentres que Queserías Entrepinares renovará os contratos en abril e Reny Picot en xullo.

A valoración unánime das organizacións gandeiras é que os prezos nos novos contratos teñen que incrementarse para compensar os do ano 2017, nos que subiron moi por baixo da media europea e non estiveron en consonancia co incremento do prezo dos derivados lácteos, sobre todo da manteiga, nos mercados internacionais.

“En Galicia seguimos tendo un diferencial negativo con respecto ao resto de España duns 2 céntimos de media menos por litro, algo que non se xustifica. Esperamos que na renovación dos contratos compénsese eses 10 meses nos que os nosos gandeiros viron pagado o seu leite bastante por baixo da media europea”, asegura Javier Iglesias, responsable de gandaría de Unións Agrarias.

Neste sentido, o representante de Unións lembra “os prezos da manteiga -onde ademais Galicia lidera as calidades en materia graxa do leite- seguen sendo altos e iso deberíase repercutir nos prezos ao gandeiro”.

A manteiga finalizou o 2017 cun prezo de 4,58 euros o quilo, despois de alcanzar picos ao longo do ano de ata 6 euros o quilo.

Román Santalla: “O modelo que utiliza Lactalis para refenciar os prezos non é legal”

Pola súa banda, o secretario de Gandaría da Unión de Pequeños Agricutores (UPA), Román Santalla, considera que “o modelo que utiliza Lactalis para fixar os prezos non é legal”. “Lactalis recolle o 25% do leite galego e referencia os prezos dos novos contratos aos prezos medios pagos en Galicia nos últimos meses. É dicir, toma como referencia os prezos que en gran medida a propia empresa marca, o cal consideramos que é ilegal e que merecería unha resposta tanto por parte do Ministerio de Agricultura como por parte da Xunta de Galicia”, explica Santalla.

En todo caso, o representante de UPA prevé que “o ano 2018 vai ser mellor para os gandeiros españois en canto a prezos do leite que o 2017, aínda que os contratos seguirán sen reflectir a evolución dos mercados internacionais”.

SLG: “As granxas galegas deixaron de ingresar máis de 9 millóns de euros en novembro por non recibir uns prezos acordes á media europea”

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que “as granxas galegas deixaron de ingresar máis de 9 millóns de euros en novembro por non recibir uns prezos acordes á media europea”.

A organización agraria responde así á valoración da Consellería do Medio Rural, que a pasada semana destacaba que “Galicia foi a comunidade española na que máis medrou o prezo do leite desde novembro de 2015”.

“Certo que o prezo do leite creceu máis porcentualmente en Galicia que en Asturias e en Cantabria; pero mentres as nosas granxas cobraron en novembro unha media de 32 céntimos, segundo os datos dubidosos do Fega, as asturianas ingresaron 35’2 céntimos por litro, e as cántabras 33’2. Se cruzamos os Pireneos, a comparación é deprimente, con prezos medios que superan os 36 céntimos en Francia e Bélxica, ou superiores aos 40 céntimos en Holanda, Alemaña ou Austria. É dicir, Galicia segue tendo o prezo máis baixo do Estado, xunto coas Baleares; á vez que España ten o prezo máis baixo da Unión Europea xunto a Portugal”, advirten desde o Sindicato Labrego.

Así, isto tradúcese, segundo a organización agraria, en que “se as nosas granxas cobrasen en novembro o prezo medio das asturianas ingresarían máis de 5 millóns de euros adicionais do que cobraron por ese mes; e se percibisen o prezo medio da Unión Europea, 37’5 céntimos por litro, o incremento sería de 9 millóns de euros”.

Fruga: “A Consellería tense que deixar de propaganda: os gandeiros necesitan máis base territorial e parar as forestacións ilegais”

Tamén desde a Federación Rural Galega (Fruga) tercian na polémica e acusan á Consellería do Medio Rural de “realizar mera propaganda”.

Así, lembran que “en 2017 os prezos que cobraron os gandeiros e gandeiras galegas foron os mais baixos do estado español (….) á vez que o abandono de explotacións lácteas en Galicia foi moi superior o resto do estado”. En concreto, durante o ano 2017, 424 gandarías galegas de leite pecharon as súas portas, o que represente o 57% do total do estado español, á vez que se seguiu perdendo Superficie Agraria Útil, que se destinou en boa medida a plantacións forestais

“Os gandeiros e gandeiras galegas precisamos de base territorial, co fin de abaratar os custos de produción, e favorecer a produción en base a terra, con prácticas sustentables como pode ser o pastoreo, polo que lle esiximos á Consellería que deixe de investir en propaganda, que a situación dos gandeiros e gandeiras de leite non mellorou con respecto o ano anterior”, asegura Elías Somoza, coordinador de sectores gandeiros da FRUGA.

 

 

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.