Demandan a Inditex recolocacións mantendo condicións e co mínimo traslado para o persoal das tendas que pechan

Traballadoras/es do grupo mobilizáronse este venres en defensa dos seus dereitos

Delegadas e delegados da CIG e traballadoras/es das tendas do grupo Inditex desenvolveron este venres unha concentración na Coruña para esixir a empresa que ofreza garantías de recolocación nas mesmas condicións (ingresos, xornada, horarios, categoría etc.) e co mínimo traslado posíbel  ao persoal que se vexa afectado polo peche de tendas que a multinacional acaba de iniciar.

A multinacional xa comunicou que, dentro do proceso de dixitalización, pechará en Galiza como mínimo 23 tendas até xaneiro de 2023, sendo Uterqüe de Santiago a primeira en botar o feche xa próxima semana. Xunto a esta, está anunciado o peche de Zara Home das Cancelas e as tendas Massimo Dutti de Ourense e Lugo e a área de cabaleiro do local situado no Marineda City. Desta última marca, Inditex prevé deixar operativas en Galiza só a metades das tendas físicas actuais.

Para afrontar este proceso, In ditex negociou en Madrid un acordo con CCOO e UGT que fala na teoría de conservar os postos de traballo mais sen garantir con certeza ningún dereito. Isto pode supor desprazamentos a centros de quilómetros, cambios de horarios ou de  xornadas inasumíbeis para as traballadoras afectadas, “polo que na práctica se verán obrigadas a ter que renunciar o seu emprego”.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, subliña que son as propias traballadoras das tendas as que se encargan da venta online, “aínda que non cobran ningún complemento por este traballo e agora a empresa decide sacrificar tendas e empregos, ofrecendo condicións indignas”. De feito, engade, “hoxe mesmo soubemos que acaban de pechar un Bershka en Asturias, despedindo a todas as traballadoras, agás a unha á que mandan para León”.

Negociar un acordo con garantías

A este respecto, sinala que a CIG ten negociado nestes anos peches de tendas con acordos moito mellores que ao asinado en Madrid e demanda da multinacional que abra unha mesa de negociación para abordar un acordo que contemple garantías reais para manter dereitos e salarios.

Así a central nacionalista propón que se respecte a preferencia nos traslados do persoal dentro  das tendas da cadea e este se faga na mesma cidade ou, en caso de non ser posíbel, na localidade máis próxima. Tamén que haxa preferencia de regreso á localidade de orixe para o persoal desprazado sobre novas contratacións en calquera empresa do grupo.

De igual xeito, que se manteña a estrutura básica dos horarios e calendario anual que ten o persoal na tenda que pecha, e as concrecións horarias por conciliación da vida laboral e familiar. En canto aos ingresos, a CIG demanda que se establezan garantías do salario bruto cobrado en 2019, que se conserve a categoría e que haxa compensacións polo desprazamento.

Folga en Uterqüe de Santiago a próxima semana

Carmiña Naveiro, delegada da CIG, engade que “nos parece moi ben que Inditex queira cambiar o seu modelo de negocio, pero non pode facelo a conta dos nosos dereitos”. Adiantou que a CIG ten convocada folga os días 21, 22 e 23 de xaneiro en Uterqüe de Compostela ante o peche inminente sen ningunha garantía para as cinco traballadoras indefinidas e a traballadora eventual.

“A empresa chamounos o día 13 para comunicarnos o peche definitivo da tenda o 24 de xaneiro e que non está disposta a negociar nada, indicando que intentarán garantirlle as traballadoras afectadas só a xornada, pero nin salarios nin o resto de condicións”, denuncia.

Diante disto, acordouse a convocatoria de folga e de concentracións para esas xornadas ás 12:30 horas diante da tenda situada na rúa Doutor Teixeiro. Ademais, o día 22 haberá outra concentración, ás 13 horas, no Zara Home da r/República do Salvador para pedir a recolocación nesta tenda do persoal do Zara Home das Cancelas que tamén vai pechar.

O luns 18, está convocada unha reunión entre a representación social e a empresa para tentar acadar un acordo a respecto da recolocación con garantías das traballadoras de Uterqüe.

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario