Demandan que non se abra ao tráfico o novo carril da ampliación da AP-9 á altura do CEIP Igrexa ata que o centro sexa traslado

No CEIP Igrexa de Chapela nin muro de “Berlín”, nin apertura do novo carril
Por o 18/01/2017 | Sección: AER,Galicia,Política,Redondela,Vigo
Demandan que non se abra ao tráfico o novo carril da ampliación da AP-9 á altura do CEIP Igrexa ata que o centro sexa traslado

Aínda que xa era un ruxe ruxe, a intención do Ministerio de Fomento e Audasa de levantar un muro de formigón nos terreos expropiados do CEIP Igrexa de Chapela para que os posibles vehículos accidentados no novo carril da AP-9 non invadan as instalacións educativas, vaise converter nunha realidade inexplicable, sorprendente, e totalmente inxusta, aceptada e asumida unha vez máis polo goberno local de Redondela. Así pois, os responsables deste despropósito tentan vender este muro como unha medida de seguridade para os usuarios do centro. Así o fixo o alcalde Javier Bas o pasado 15 de decembro no transcurso dunha reunión cos membros da asociación de afectados da AP-9.

Dende AER veñen a advertir que este desatino tan só é un parche de cara a abrir a autoestrada canto antes, asumindo o custe social que Audasa, Fomento e o goberno local consideren necesario. Estamos ante un acontecemento único e esperpéntico, en todo o territorio estatal non existe outro caso similar a este, engaden desde a agrupación de electores de Redondela. Vaise permitir que mestres e alumnas estean en clase durante dous ou tres anos lindando literalmente co novo carril dunha autoestrada? É valido na actualidade executar tales despropósitos de obras en aras do “interese xeral”?, preguntas que se fan desde a AER.

Na Agrupación de Electores de Redondela cren que non. Cren que tan mala xestión non a poden pagar 108 rapaces e as súas mestras. Unha mala xestión que se ven arrastrando dende o ano 2008, posiblemente intencionada, para evitar o estudo de impacto ambiental da ampliación da AP-9. Tal como se pode comprobar nas hemerotecas dos xornais do ano 2008, María Xosé Caride, a mesma persoa que agora é enviada por Abel Caballero ao rescate da veciñanza de Chapela por mor da absurda guerra partidista que mantén co PP e a área metropolitana, aseguraba daquela que “las afecciones serán mínimas” e que a construción do terceiro carril obrigará a expropiar “como máximo seis viviendas y un colegio”. Un intento permanente de enganar á veciñanza sobre os efectos reais da ampliación da AP9, tanto no pasado como na actualidade.

A día de hoxe, o tempo amosou unha realidade ben distinta, pois a AP-9 xa tragou 14 vivendas, un colexio, miles de metros cadrados de propiedades particulares e municipais, unha oficina de correos que está nun limbo, perda de espazos públicos, pasarelas peonís fora da normativa incluso carecendo de acceso para persoas con discapacidade, estreitamento de rúas e todo o que desgraciadamente aínda está por chegar. Ante esta situación, AER denuncia o intento do goberno local de vender o traslado do colexio Igrexa como un logro dás súas xestións cun Ministerio voraz, a quen non lle importa o máis mínimo a calidade de vida e benestar das persoas que viven nas marxes da AP-9. Mentres, o alcalde de Redondela xustifica o retraso do traslado do centro educativo na lentitude das administracións; unhas declaracións claramente hipócritas xa que Fomento responde moi lentamente ante os cativos, mestras e veciñanza, pero moi rapidamente ante Audasa e as empresas construtoras da ampliación da AP-9.

Así pois, AER ten claro que as demandas do Concello de Redondela e colectivos sociais de Chapela en relación ao colexio Igrexa, teñen que ser enfocadas na urxencia inaprazable da construción do novo edificio e, mentres tanto, a non apertura do novo carril da autoestrada ata que o traslado do colexio se faga efectivo.

Colexio CEIP Igrexa