Denuncia na Fiscalía contra Asepeyo por denegar unha prestación por risco no embarazo a unha socorrista

O comité de empresa de Gaia na Coruña pide que se abran dilixencias informativas contra a mutua
Publicado por o día 27/02/2017 na sección de CIG,Galicia,Salud,Sindicatos,Vigo

Denuncia na Fiscalía contra Asepeyo por denegar unha prestación por risco no embarazo a unha socorrista

O Comité de Gaia Complexos Deportivos presentou a mañá do pasado día 24 de febreiro a denuncia diante da Fiscalía, solicitando que abran dilixencias informativas contra Asepeyo coa finalidade de determinar se hai delito de risco no caso dunha traballadora embarazada á quen a mutua lle atrasou a prestación por risco, a pesar dos informes da empresa indicando que non podía adaptarlle o posto e do servizo de prevención determinar que non podía desenvolver o traballo na súa nova condición.

A representación social entende que a actuación da mutua é unha absoluta irresponsabilidade porque “está condenando a traballadora a que non poida subsistir ou ben a que traballe en condicións de risco para ela e ao seu feto. Nós entendemos que iso é un delito”. Así se expresaban ás portas da Audiencia Provincial, o Presidente do Comité de empresa, Rubén Duruelo, acompañado dos dous delegados de prevención e de Ernesto López Rei, responsábel de Saúde Laboral da CIG da Coruña.

Hai que lembrar que esta prestación é un dereito que asiste ás mulleres traballadoras embarazadas para que poidan seguir tendo ingresos mentres están en suspensión do seu contrato ao non poder realizar o traballo polos riscos que isto supón para a súa saúde e a do feto. Esta é unha situación protexida e forma parte das medidas de protección á maternidade e de igualdade de oportunidades.

Por iso, dende o Comité entenden que a mutua tería que facerse cargo da prestación por risco no embarazo dende o momento no que a empresa emitiu un informe indicando que non lle podía adaptar o posto de traballo e o servizo de prevención determinou que, na súa condición de embarazada, non era apta para desenvolver o seu traballo. “Pero para a sorpresa da traballadora e do Comité, Asepeyo nin sequera contestou ás solicitudes que se lle enviaron, denunciou Duruelo.

A mutua acabou dando a prestación na semana 16

O desinterese da mutua levou a que, por mediación de Inspección de Traballo, se producira unha reunión entre o Comité e responsábeis de Asepeyo, na que informaron que aplicarían a táboa SEGO, e valorarían dar a prestación a partir da semana 18. “Nun cambio de criterio que non explican, na semana 16 danlle a prestación, unha decisión que nos alegra, pero non argumentan nin o por que dese cambio nin tampouco contestan aos escritos da traballadora”, engadiu Duruelo.

En todo caso, o representante do persoal considera que a socorrista debería ter deixado de traballar antes da semana 16 e, de feito, a empresa (previo acordo) tivo que mudala de posto ao non poder adaptarlle o seu, “porque coa negativa da mutua a facerse cargo dela a outra solución era mandala para a casa, pero así non cobraría e para iso están as prestacións”, aseverou.

A respecto da demanda na Fiscalía matizou que se pide que compareza o persoal médico e a directora de Asepeyo para dirimir se hai responsabilidades pola súa actuación no caso desta traballadora, e evitar que se volvan repetir situacións similares no futuro. Neste senso, aseveran que non se pode consentir que por criterios de carácter economicista (a mutua ten que facerse cargo do custe da prestación) ou decisións arbitrarias se poña en risco saúde dunha traballadora e do seu feto.