Denuncian a desigualdade entre comunidades nas listas de espera sanitarias

Canarias é a comunidade que sofre un maior tempo medio de espera para a primeira consulta co especialista (123 días), mentres que o País Vasco conta cos tempos máis reducidos (28 días de media)
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de OCU,Sanidad,Social

Denuncian a desigualdade entre comunidades nas listas de espera sanitarias

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) cre que as listas de espera do sistema público de saúde é unha das súas maiores deficiencias e reclama unha redución dos prazos, tanto para as consultas cos especialistas como para as intervencións cirúrxicas.

A Organización considera excesivo o prazo de 6 meses fixado por Real Decreto para varias intervencións, como a cirurxía cardíaca valvular ou coronaria, cataratas e próteses de cadeira ou xeonllo.

Ademais, atendendo aos datos publicados polo Ministerio de Sanidade de 2017, a Organización critica a desigualdade entre comunidades autónomas nos que se refire a listas de espera. Así, por exemplo, País Vasco (28 días), Baleares (35 días) e Madrid (37 días), son as comunidades con listas de espera máis reducidas, mentres que Canarias (123 días) e Cataluña (98 días) contan coas listas de espera máis longas para a primeira consulta co especialista.

Ademais, nestas últimas comunidades, un de cada tres pacientes ten que engadir outra espera superior aos seis meses no caso de que teña que someterse a unha intervención cirúrxica, un dato que OCU considera preocupante.

A Organización de Consumidores cre que estas diferenzas están provocadas en gran parte por unha mala xestión dos recursos, xa que, segundo datos de 2016 publicados polo Ministerio, un maior gasto sanitario por habitante non implica menores esperas: o gasto público sanitario en Madrid, Baleares e Andalucía é dos máis baixos (entre 1.100 e 1.300 euros ao ano por habitante) e, con todo, os seus indicadores están entre os mellores do país.

Segundo OCU, as longas listas de espera para ser atendido por un especialista provocan, entre outros prexuízos para o usuario, un dobre efecto: por unha banda, o hábito dos pacientes de acudir directamente a urxencias para poder ser atendidos con maior rapidez, o que contribúe a que estes terminen colapsados nalgúns casos. E, polo outro, a contratación, para quen poida acceder a el, dun seguro de saúde privado. Segundo OCU, máis de once millóns de españois están cubertos por este tipo de seguros, e a cifra continúa en aumento.

Pero ademais das listas de espera para as citas con especialistas e as intervencións cirúrxicas, OCU lembra que debe terse en conta a posible demora adicional no caso de que sexa necesario realizar algunha proba diagnóstica.

Neste sentido, a Organización de Consumidores leva tempo reclamando que estes tempos de demora tamén sexan publicados polo Ministerio, pois é a única maneira de coñecer o tempo que transcorre na realización do acto médico completo, desde que se acode por primeira vez á consulta, ata que o problema queda resolto.

Por último, OCU lembra aos usuarios da sanidade pública que, no caso de que sufran unha demora excesiva, tanto que podería afectar á súa saúde, poden e deben reclamar o caso no Servizo de Atención ao Paciente de cada comunidade.