Denuncian a editorial Todolibro por contos infantís machistas

A asociación considera especialmente grave que os libros estean destinados aos primeiros lectores, perpetuando estereotipos que poden denigrar a importancia da muller.
Publicado por o día 10/12/2018 na sección de FACUA,Social

Denuncian a editorial Todolibro por contos infantís machistas

FACUA-Consumidores en Acción denunciou á editorial Todolibro polos seus libros infantís Te quiero papá y Te quiero mamá, da colección Mi querida familia, por perpetuar estereotipos que poden denigrar a importancia da muller. Con frases como “Te quiero mamá porque lavas mi osito de peluche cuando está sucio“, ou “Te quiero mamá porque consigues que mi pijama huela a limón” a mamá do conto só aparece retratada en situacións propias do coidado do fogar: limpeza da roupa, cociña, ou hixiene persoal do bebé. Mentres, papá é un heroe que acompaña nas aventuras e o descubrimento do mundo: “Te quiero papá porque sabes jugar a los piratas“, o “Te quiero papá porque me enseñas cosas nuevas“.
 
A asociación, que presentou as súas denuncias ante a Dirección Xeral de Consumo e Dirección Xeral da Muller da Comunidad de Madrid (por estar a sede social da editorial nesta comunidade autónoma), considera especialmente grave estes contos sexistas, por estar destinados aos primeiros lectores, que aínda están a conformar a súa identidade de xénero e asignándolle as características diferenciadoras que os definen.
 
FACUA lembra que o xénero se constrúe desde os contos infantís e a primeira infancia e nesa transfusión de información confórmase unha visión de como deben ser os homes e as mulleres. Contos como os denunciados poderían perpetuar os estereotipos, cada día máis afastados da realidade, de que as mulleres teñen a obrigación de coidar dos fillos e do fogar mentres que os homes están exentos desta responsabilidade e poden dedicar o seu tempo a unha vida infinitamente máis divertida e de maior relevancia social. Así, a muller móstrase compracente, sensible, coidadora das persoas, sen ambición nin aventura. Os homes son, pola contra, fortes, valentes, aventureiros e seguros de si mesmos. Isto podería perpetuar unha situación de desigualdade, persoal e social e que, no caso das mulleres, ademais, contribúe a unha situación de submisión fronte ao poder masculino. Algo que co paso do tempo pode contribuír a situacións como a brecha salarial, o acoso, a discriminación ou moitas outras situacións nas que hai un abuso de superioridade do home sobre a muller.
 
Con este tipo de referencias culturais provócase que as nenas e nenos non teñan a posibilidade de construír unha identidade completa e permitirlles ser iguais, porque normalizan desde unha idade moi temperá un tipo de comportamento asignado ao xénero parcial e incompleto, sen ensinar outras opcións que en realidade tamén son normais na idade adulta pero resultan invisibles para eles e elas.
 
Neste sentido, FACUA apunta nas súas denuncias que o artigo 3 da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, recolle que “o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes supón a ausencia de toda discriminación, directa ou indirecta, por razón de sexo, e, especialmente, as derivadas da maternidade, a asunción de obrigacións familiares e o estado civil”.
 
Doutra banda, a Lei 2/2016, do 29 de marzo, de Identidade e Expresión de Xénero e Igualdade Social e non Discriminación da Comunidad de Madrid, recolle no seu artigo 5.3 que “para os efectos desta Lei considérase prohibida toda forma de discriminación por razón de identidade de xénero, expresión de xénero ou características sexuais incluíndo a discriminación, directa ou indirecta, por asociación e por erro, a discriminación múltiple, o acoso, a indución, orde ou instrución de discriminar, as represalias ou o incumprimento das medidas de acción positiva derivadas de obrigacións normativas ou convencionais, así como a victimización secundaria por inacción de quen ten un deber de tutela”.