Denuncian a opacidade da Xunta en relación ás presas de residuos mineiros de San Finx

Ecoloxistas en Acción solicitou a personación no procedemento de restauración do dominio público hidráulico afectado polas presas de residuos mineiros do Grupo Mineiro San Finx (Lousame)

Ecoloxistas en Acción tivo coñecemento de que Augas de Galicia iniciou un procedemento de restauración do dominio público hidráulico co obxecto de obrigar á concesionaria do Grupo Mineiro San Finx, Tungsten San Finx S.L., filial do Grupo Sacyr, de retirar os residuos mineiros acumulados nas presas de residuos mineiros n.º1 e n.º2 desa explotación. O procedemento iniciouse en data 05/06/2020 mediante notificación á mercantil Tungsten San Finx S.L. requiríndolle para que no prazo de dous meses presente un proxecto que comprenda a retirada dos áridos acumulados, e outorgándolle un prazo de 15 días formule as alegacións e propoña no seu caso a proba que estime pertinente.

Non obstante, a empresa mineira negouse a presentar o proxecto de restauración, recurrindo a decisión en alzada e a día de hoxe as presas continúan en situación de total abandono. Un informe anterior de Augas de Galicia, de xuño de 2017, afirmaba literalmente que “No caso da presa 2, cuxo encoro se encontra practicamente colmatado, ao estar situada augas abaixo e ter unha maior altura, o arrastre dos materiais podería producir un importante impacto ambiental coa eventual rotura da presa”.

Desde Ecoloxistas en Acción lémbrase que a situación das presas e a súa falta de restauración implica riscos severos asociados aos millares de toneladas de residuos mineiros potencialmente xeradores de drenaxes ácidas mineiras acumulados a tan só 7 km augas arriba dos bancos de marisqueo da ría de Muros e Noia e do LIC Esteiro do Tambre, na Rede Natura 2000. Por ese motivo, Ecoloxistas en Acción, xunto con outras entidades ambientalistas galegas, solicitou a súa personación no procedemento para garantir que a restauración das presas non se convirte en moeda de cambio entre a Xunta e a concesionaria da mina, paralizada desde 2017 precisamente por non contar coas autorizacións ambientais necesarias, incluíndo a de vertidos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM