Denuncian a presenza ilegal de cans encadeados no AM de Vigo

Os animalistas non teñen constancia de ningún caso resolvido no AMV por parte da Xunta
Publicado por o día 08/03/2019 na sección de Galicia,Vigo

Denuncian a presenza ilegal de cans encadeados no AM de Vigo
A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber, a través da súa campaña ” Sen Cadeas”, denunciaron este venres a continuidade de decenas de cans atados de forma permanente na área Metropolitana de Vigo, a pesar de que a Lei de Benestar Animal autonómica prohibe de forma expresa esta limitación continuada dos movementos.
 
Os animalistas sinalan que, a pesar das denuncias veciñais e das queixas formuladas polos propios colectivos en numerosas ocasións ante a Xunta de Galicia, non parecen existir cambios substanciais para os cans, que ven forzados a unha situación de catividade permanente que provoca, non só danos físicos, senón problemas de socialización, contribuíndo a xerar animais agresivos e sen ningún tipo de contacto humano.
 
A pesar de que a normativa contempla esta práctica como unha infracción de carácter grave, con sancións de ata 5.000€, o executivo autonómico e non poucos Concellos da zona ignoran a súa obrigación de inspeccionar e investigar calquera potencial caso de malos tratos ou abandono mentres os animais seguen en condicións deplorables.
 
Neste sentido os animalistas subliñaron que si existen consistorios preocupados por esta problemática no territorio, como o da Coruña, que só en 2018 trasladou á Xunta máis dun centenar de denuncias por posibles comisións de infraccións graves e moi graves, tamén por limitación de movementos, sen que o executivo tampouco dese resposta.
 
Como solución FFW e LIBERA! propoñen que a Deputación pontevedresa, xunto cos municipios, desenvolver campañas de sensibilización e prevención das malas prácticas para tratar de suplir a desidia institucional do goberno autonómico que, un ano despois da entrada en vigor da Lei, segue sen poñer os medios necesarios para combater prácticas como o encadenamiento permanente.