Denuncian a venda de disfraces de Halloween cunha imaxe sexista da enfermeira

O Corte Inglés súmase agora a Amazon e Ebay e comercializa este ano un disfrace de “enfermeira sanguenta” con saia curta, cofia na cabeza, medias para liga e tacóns con plataforma.
Publicado por o día 02/11/2018 na sección de Sanidad,SATSE,Sindicatos

Denuncian a venda de disfraces de Halloween cunha imaxe sexista da enfermeira

O Sindicato de Enfermería, SATSE, reclamou ás empresas e establecementos comerciais que ofertan aos seus clientes disfraces para a celebración de Halloween deste ano que retiren da venda todos aqueles que atentan contra a dignidade e imaxe pública das profesionais de Enfermería.
 
SATSE sinala que determinados establecementos comerciais continúan perpetuando unha imaxe sexista das enfermeiras (vestido axustado, saia curta, escote pronunciado, tacóns altos…) a pesar do rexeitamento xeneralizado que suscita entre as profesionais de Enfermería ao ver seriamente danada a súa imaxe e recoñecemento social.
 
Un exemplo concreto é o do Corte Inglés, que comercializa este ano a través da súa páxina web un disfrace de “enfermeira sanguenta” con vestido axustado, cofia na cabeza, saia curta, medias para liga e tacóns con plataforma, denuncian desde SATSE.
 
Por iso, o presidente do Sindicato de Enfermería, Manuel Cascos, dirixiuse por escrito ao presidente do Corte Inglés, Jesús Nuño de la Rosa, para trasladarlle o rexeitamento e malestar profundo do colectivo de enfermeiras e enfermeiros ante este tipo de prácticas comerciais, e pedirlle que retiren este disfrace da venda e non o volvan a incluír en catálogos de próximos anos.
 
SATSE resalta que o caso do Corte Inglés non é o único, xa que hai máis establecementos e empresas especializadas en disfraces que ofertan este tipo de vestimentas, así como empresas multinacionais de comercio electrónico, como Amazon ou eBay. A elas tamén se dirixiu por carta o presidente da organización sindical en similares termos.
 
Todos estes casos dan a razón ao Sindicato de Enfermería na súa formulación de que, lonxe de desaparecer, os casos de difusión de imaxes e mensaxes que atentan contra a dignidade das profesionais sanitarias, fundamentalmente enfermeiras, seguen producíndose
 
Ante esta lamentable realidade, o Sindicato de Enfermería volve reclamar á ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social, María Luisa Carcedo, que impulse a creación dun Observatorio da Imaxe das Mulleres que traballe para acabar coa utilización de estereotipos sexistas e denigrantes que deterioran gravemente a imaxe e recoñecemento social das enfermeiras e o resto de mulleres do noso país.
 
Un asunto que o presidente do Sindicato quere abordar coa titular do Ministerio de Sanidade nunha próxima reunión que está pendente de celebración. Trátase dun asunto de gran interese para SATSE que fai escasas datas lanzou a campaña de información e sensibilización social “Rompe cos estereotipos” para acabar coa imaxe sexista das mulleres enfermeiras.