Denuncian actos de intolerancia e discriminación contra as persoas refuxiadas e migrantes

Co gallo do Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial, que se conmemora hoxe, CCOO denuncia os actos de intolerancia e discriminación contra as persoas refuxiadas e migrantes. O sindicato defende que esta data é «unha oportunidade»
Por o 21/03/2017 | Sección: CC.OO,Galicia,Sindicatos,Vigo
Denuncian actos de intolerancia e discriminación contra as persoas refuxiadas e migrantes
Compartir en:

Co gallo do Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial, que se conmemora hoxe, CCOO denuncia os actos de intolerancia e discriminación contra as persoas refuxiadas e migrantes. O sindicato defende que esta data é «unha oportunidade» para renovar o compromiso de construír un mundo de xustiza e igualdade, no que non existan discriminacións por xenofobia nin intolerancia racial. Con todo, o racismo e a intolerancia aumentan en todo o mundo, mesmo en Europa.

CCOO denuncia a actitude da Unión Europea e os seus Estados membros cara ás persoas refuxiadas. O sindicato esixe que se respecte o dereito internacional e que a UE exerza as súas competencias en materia de xestión de fluxos migratorios e de asilo. Insta, así mesmo, o Goberno de España e a Xunta de Galicia a que aborden de maneira activa as políticas de inmigración, especialmente as destinadas á integración social da poboación estranxeira, normalizando o seu acceso aos dereitos básicos e fundamentais e respectando a dignidade das persoas.

Para CCOO, Europa «non debe perder» os valores que a configuran como un «espazo común de liberdade, seguridade e xustiza», fundado sobre os valores da dignidade humana, a liberdade, a igualdade e a solidariedade aos que se refire o preámbulo da carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

Actitudes hipócritas

A Asemblea Xeral de Nacións Unidas declarou o 21 de marzo Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial, en recordo da traxedia racista ocorrida en 1960 en Shaperville (Sudáfrica). A pesar dos bos propósitos da declaración da ONU, o racismo e as súas formas conexas de intolerancia séguense producindo a diario en todo o mundo. A intolerancia e os prexuízos levan consigo discriminación, segregación, rexeitamento á cultura e aos valores alleos, e van desde a negación dos dereitos ata casos de violencia e limpeza étnica.