Denuncian as deficiencias do PAC de Monforte e pide o traslado a un local en condicións

Comparte espazo coas Urxencias do Hospital, xa que foi pechado para convertelo en circuíto Covid
Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Sanidad,CIG,Salud,Sindicatos

Denuncian as deficiencias do PAC de Monforte e pide o traslado a un local en condicións

CIG-Saúde de Monforte denuncia a situación na que se atopa o PAC da localidade, as graves deficiencias que existen e demanda da Xerencia que solucione estas eivas buscando xa unha localización axeitada para este servizo para poder darlle unha atención sanitaria de calidade ás e aos doentes. Lembran que no mes de marzo de 2020, debido á pandemia, a unidade do PAC foi pechada e o servizo levado para as Urxencias do Hospital Público de Monforte.

Neste cambio, o persoal non sanitario foi trasladado para Admisión e o sanitario para dous boxes de Urxencias. O motivo foi que se instaurou na instalación PAC o circuíto específico para ver os/as pacientes con posíbeis síntomas de Covid-19.

En principio, explican dende CIG-Saúde, comunicóuselles os traballadores e traballadoras que esta situación era transitoria debido á situación da pandemia e que volverían á súa unidade pechada cando a situación mellorase. Na reunión mantida a finais xuño entre a Xunta de Persoal do Hospital e a Dirección, informouse que o PAC sería traslado a outra zona do Hospital máis axeitada para o desenvolvemento da súa actividade asistencial. “Pero isto nunca aconteceu e a día de hoxe o PAC está pechado, nel  faise o circuíto Covid e o persoal sanitario e non sanitario segue estando nas mesmas unidades mencionadas anteriormente”.

Vicente Vázquez, responsábel de CIG-Saúde en Monforte explica que a central sindical denunciou en varios Comités de Atención Primaria en Lugo o que está acontecendo e as graves irregularidades que están pasando “e a Xerencia da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte fai caso omiso e encima presumen ‘que todo vai de marabilla'”.

 Sen triaxe e con falta espazo para doentes

Vázquez sinala que cando unha persoa acode ao Servizo de Urxencias é atendida polo persoal de Admisión que se divide en dúas unidades: Urxencias e PAC. Urxencias conforme o novo protocolo implantado atende:

  • Os/as pacientes que acoden ao Hospital cun volante dun médico.
  • Pacientes que veñen con orde do 061 para entrar en Urxencias.
  • Casos sospeitosos por ser posíbel sintomatoloxía de Covid a quen que se derivará ao Circuítoo instaurado.

Todos os demais casos son atendidos polo PAC.

En todos os hospitais de Galiza na entrada de Urxencias existe a Triaxe de Manchester na que se fai a valoración na prioridade das urxencias. “Pero aquí no Hospital Público de Monforte non o hai e quen tría de inicio no primeiro contacto co/a paciente é o persoal non sanitario que está en Admisión”, aclara. Na reunión mantida entre o antigo Xerente, Iván Sanz, e a Xunta de Persoal do Hospital a principios de outubro do 2020, este dixo que estaba pendente a súa implantación. Non obstante “a día de hoxe non a hai dita triaxe, non existe”.

Debido as modificacións que se fixo no PAC, a sala de espera de Urxencias e PAC recortouse e hai só 7 asentos para pacientes, cando estas unidades atenden a comarca de Lemos, Quiroga e Chantada e mais todos os/as pacientes que poidan demandar atención urxente. “Falamos dunha poboación de máis de 40.000 habitantes aos que hai que engadir os desprazados que hai nas comarcas. Isto supón que as persoas que esperan ser atendidas estean nesa “mini-sala” con 7 asentos, na entrada do Hospital de pé ou fóra do recinto espalladas porque dentro non collen e non se pode manter as distancias de seguridade”, advirte.

Confidencialidade nula para os/as doentes

Xunto a isto, indica que tal e como está distribuído o circuíto Covid o/a paciente pode saír nunha padiola. Para salvagardar a súa intimidade no trasladalo a Urxencias, o persoal pon un biombo e manda afastar a xente que está na entrada de Admisión para que non vexa quen sae. “Pero a medida, a pesar da boa vontade dos traballadores/as, é insuficiente porque a entrada de Admisión está en moitas ocasión chea de xente e ven o que está acontecendo”.

No caso de Admisión, para comunicarse cos/as pacientes faino a través dun pequeno altofalante “xa que hai un cristal de seguridade e co ateigada que está a entrada coa xente que está esperando están escoitando todo o que di o paciente ao persoal non sanitario. Polo que a confidencialidade é nula”.

Ademais, o Servizo está nun recinto minúsculo duns 3 metros de longo por 1,5m e nel están tres persoas. “Seguridade para evitar contaxios nula. Non reúne as condicións  de habitabilidade e seguridade e saúde laboral”.

Necesítanse máis boxes

“As/os pacientes do PAC son atendidos polo persoal  facultativo en dous boxes e a enfermería ten un recinto moi pequeno para realizar as súas funcións. Tal como está organizado non é funcional para a realización da actividade asistencial por falta espazo”, alerta Vázquez, quen destaca que xa  ten acontecido que faltan boxes para atender as/os doentes por estar ocupados e teñen que esperan nos corredores de pé ou nas cadeira de rodas. O PAC componse de dous equipos (cada equipo ten un médico/a e persoal de enfermería e nas fins de semana e festivos hai un terceiro equipo de reforzo). “Faltan boxes para atender á xente. Urxencias necesita os seus boxes e o PAC tamén”.

O responsábel de CIG-Saúde apunta que hai pouco se habilitou unha consulta duns 10m², que segue a ser insuficiente e que consta dunha mesa con ordenador e un lavamáns, pero non ten ventilación. “Moitas veces a enfermería non ten box para atender pacientes porque son ocupados polos pacientes de Urxencias e teñen que buscar algún recinto libre para atendelos”, engade.

Falta de material asistencial no PAC

O PAC depende organizativamente de Atención Primaria de Lugo e moitas veces fáltalles material asistencial para realizar as súas funcións. Isto debese a que non ten almacén propio (antes do cambio da localización si tiña) e llo teñen que solicitar á supervisora de garda coa perda de tempo que iso supón. Outro exemplo é que os ordenadores do persoal facultativo non teñen impresoras propias e teñen que imprimir no control de URX.

Xunto a isto, denuncia que a sala de estar na que están é moi pequena para albergar a tanto persoal “e máis nestes tempos que é tan importante manter as distancias de seguridade”. Por outra banda, amañáronlles unha zona de cuartos que non ten saída de emerxencia, “porque as únicas vías de saída son a porta da sala ou as fiestras que dan ao patio de luces e se atopan a varias alturas sobre o nivel do chan”.

“Pero o peor disto é que a Dirección de Lugo non atende as queixas dos traballadores e das traballadoras e non corrixe as graves deficiencias que hai neste servizo. Se o persoal puidera escoller,  pedirían volver ao PAC de antes pero como non é posíbel solicitan que se  traslade a un local en condicións para dar unha atención sanitaria de calidade, con garantías de seguridade para os/as doentes,  medidas de seguridade  antiincendios e anticovid e que os traballadores e traballadoras poidan traballar dun modo axeitado como Punto de Atención Continuada”, asevera a CIG-Saúde de Monforte.